DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu enfrontamento no campus co Círculo Chantadino rematou 3-3

Novo empate da EXP-UVigo na División de Honra

O equipo universitario mantense terceiro do seu grupo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 14/03/2022

Con dous grandes mestres, o serbio Strikovic e o búlgaro Petkov como principais referentes, o Círculo Chantadino visitou esta fin de semana a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para medirse ao primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo, na cuarta semana de competición na División de Honra da Liga Galega de Xadrez. Tras seis partidas que definen como “vibrantes ata o último segundo”, este enfrontamento pechouse con empate (3-3), o segundo consecutivo do equipo universitario, que se mantén na terceira posición do seu grupo.

Desde o club pontevedrés destacan a “tremenda loita vivida” en cada unha das partidas, nun enfrontamento no que os tres primeiros taboleiros decantáronse do lado visitante. No primeiro, Alberto Portela foi superado por Strikovic, mentres que Rubén Fernández non puido con Petkov e Daniel Rivera non foi quen de puntuar fronte ao portugués Paulo Pinho. Mais os tres taboleiros restantes si remataron con vitoria local, de mans de Pablo García, David García e Víctor Miguel. Tras este resultado, o EXP-UVigo Estratexia pola Paz comparte o terceiro posto da táboa co Xadrez Verín, ambos con 16,5 puntos, medio punto menos que o Círculo Chantadino e lonxe xa do líder e próximo rival dos universitarios, o Xadrez Ourense, que suma 22,5 puntos. 

Vitoria de cinco dos sete equipos do club

Xunto a este empate, cinco vitorias e unha derrota conforman o balance dos diferentes equipos da Escola Xadrez Pontevedra – Universidade de Vigo na cuarta xornada da liga autonómica. Entre eles, destaca un novo triunfo na Primeira División do Ramón Escudeiro Tilve, que encadea catro vitorias en catro xornadas. 

Por outra banda, desde o club pontevedrés destacan como “unha das novas máis positivas da xornada” e como unha “mostra das sinerxías” xurdidas da relación entre a Universidade de Vigo e a escola, a participación dos deportistas do club no estudo Nivel de actividade física e perfil condicional de xogadores federados de xadrez, que desenvolve un alumno da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.