Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo
Un novo ensaio de Albino Prada analiza ‘O regreso de China’ como potencia económica e tecnolóxica mundial
O libro fai fincapé na “ruptura da globalización capitalista comandada polos Estados Unidos”
Xa está nas librarías un novo ensaio do profesor e economista Albino Prada. Editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo El regreso de China. La globalización imposible analiza en apenas 200 páxinas a transformación social que está permitindo a China recuperar o dinamismo tecnolóxico e o peso económico mundial que xa tivera fai séculos e como todo este proceso está provocando, nestas primeiras décadas do século XXI, a ruptura da globalización capitalista comandada polos Estados Unidos.
O libro é a segunda edición dunha obra previa, El regreso de China. ¿Chimérica o Telón Digital?, redactada antes da pandemia (Mundiediciones, 2021). Agora, transcorridos cinco anos dende entón, “despois dunha pandemia global e de varias guerras animadas por Estados Unidos”, aquel interrogante foise decantando cara unha crecente ruptura e disputa do que no século XX se bautizou como espazo vital (económico ou de seguridade), no canto de progresar cara un único e cosmopolita mundo global.
Se naquel intre Prada formulaba a hipótese de que ‘outra globalización era posible’ fronte á rampante globalización do modelo neoliberal na que se atopaban a maioría de países -incluída a China de Deng Xiao Ping e os seus herdeiros-, a día de hoxe considera que cada vez se ve máis afastado o horizonte dunha globalización non neoliberal (“dunha sociedade que non sexa de mercado e que sexa decente”), e máis preto un mundo con dous grandes bloques liderados, respectivamente, “pola República Federal dos Estados Unidos e pola República Popular China, ambos, iso si, pilotados por dúas versións dun rampante autoritarismo de alta tecnoloxía”.
China, cada vez máis afastada da transformación socialista
Tal e como se explica na presentación desta edición, o lector comprobará tras a lectura que o sistema social da China actual encaixa coa lóxica do que se denomina desde hai décadas unha forma de capitalismo de Estado. Por este motivo o libro incorpora un apéndice final no que o autor “desbroza” a relación entre democracia, capitalismo e socialismo na perspectiva que xa formulaba o historiador británico EP Thompson en 1981, preocupado pola “confiscación da actividade autónoma do pobo traballador e dos seus medios de expresión e autoorganización, por parte dun partido ou unha vangarda omnisciente e substituísta”.
Neste senso, o autor considera que da lectura dos capítulos do ensaio se deduce que a soñada globalización cosmopolitana neoliberal se foi volvendo imposible, polo que agarda que a lectura do apéndice aclare ao lector canto se vai afastando a actual sociedade de mercado china –“e o seu capitalismo de Estado”- dunha transformación socialista.
Recomendado por Antón Costas
O ensaio chega, nesta ocasión, recomendado polo prestixioso economista galego Antón Costas, presidente do Consejo Económico y Social de España. “A persoa que queira entender, sen perderse nos detalles, a extraordinaria transformación de China e o reto que o seu modelo autoritario representa tanto para as democracias liberais como para as relacións internacionais no século XXI, debe ler este ensaio”, apunta Costas na contraportada. “Lonxe da linguaxe académica empalagosa ao uso, a prosa áxil do profesor Albino Prada fai que a súa lectura resulte amena á vez que instrutiva. Léano e verán que me darán a razón”.