DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartirase na Escola de Enxeñería Industrial

Novo máster para formar especialistas en xestión ambiental nos principais sectores industriais de Galicia

Conta coa colaboración das principais firmas do sector agroforestal, alimentario, naval, automóbil

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 13/06/2018

Dotar ao tecido empresarial galego de persoal con formación superior que poida xestionar e coordinar todas as actividades no ámbito medioambiental nas instalacións industriais e facelo dentro dun marco legal cada vez máis responsable coa contorna, a saúde pública e os ecosistemas. Este é o obxectivo co que nace o Máster en Xestión Ambiental da Industria, unha nova proposta formativa que nace na Escola de Enxeñería Industrial froito da unión entre profesores e investigadores de diferentes ámbitos e profesionais con experiencia en medio ambiente e xestión ambiental dos principais sectores industriais de Galicia.

“As novas directrices da normativa ambiental impulsan o uso racional dos recursos, favorecendo a reutilización e reciclaxe de materiais e o aforro enerxético, todo para avanzar nun modelo de economía circular no que o refugallo se reduza ao mínimo”, explica Claudio Cameselle, profesor de Enxeñaría Química e coordinador do mestrado, ao que engade que “con este novo título formaremos aos profesionais que está a demandar o noso tecido industrial”.

Herdeiro do Máster en Contaminación industrial: avaliación, prevención e control, que viña impartíndose na EE Industrial desde o ano 2009 ata o 2015, o deseño deste novo título realizouse en base a toda a experiencia acumulada nesa proposta anterior “contando coa opinión de todo o profesorado implicado e, especialmente, de todas as empresas que colaboraban. O resultado foi un título que “a grandes trazos” inclúe: normativa ambiental, xestión de residuos, emisións e augas residuais; estudo da xestión ambiental nos principais sectores produtivos galegos, xestión da calidade  e avaliación do impacto ambiental, sustentabilidade e economía circular. “Ademais, tamén incluímos unha materia sobre as capacidades persoais e profesionais en materia de medio ambiente que agardamos axude ás  alumnas e alumnos a combinar os seus coñecementos coas súas habilidades persoais na súa promoción profesional”, explica Cameselle.

Forte aposta pola colaboración co sector industrial

A “gran baza” deste novo máster será, a xuízo dos seus organizadores e organizadoras, a calidade dos docentes, un cadro de persoal no que figuran profesionais do mundo da universidade, con longa experiencia docente e investigadora, pero tamén da administración e as empresas, que son, ao seu xuízo, os que verdadeiramente marcarán a diferenza, xa que “eles son os que van pór no contexto real aos alumnos e alumnas para que aprendan de primeira man como é a xestión ambiental nos principais sectores industriais galegos”, recalca o coordinador.


Nesta forte aposta pola colaboración co sector industrial, formarán parte do cadro de profesorado do máster profesionais en activo das principais firmas do sector agroforestal (Ence), alimentario (Conservas Isabel), naval (Metalships), automóbil (Grupo PSA), químico (Xylazel) e empresas clave na xestión e tratamento dos residuos (Sogama e Sogarisa), así como de calidade (Aenor) e impacto (Esgam) ambiental, entre outras.

Prácticas adaptadas á formación previa de cada alumna/o

Dirixido a enxeñeiras e enxeñeiros e persoas graduadas/licenciadas do ámbito científico/tecnolóxico, o Máster en Xestión Ambiental na Industria está deseñado para complementar a formación destes egresados e egresadas en materia de medio ambiente. “Ademais as persoas que xa están traballando e queren mellorar a súa formación sempre foron obxectivo dos másteres da nosa escola e, por suposto, tamén deste”, engade Cameselle, ao tempo que explica que, para conseguilo, tentaron concentrar a docencia en xoves, venres e sábado para facilitar compaxinar estudos e traballo. “Tamén se permite a matrícula a tempo parcial para aqueles profesionais que están interesados en materias específicas como a xestión de residuos, o tratamento de augas residuais ou a sustentabilidade, entre outras”, recalca.

De carácter presencial -60 créditos distribuídos en dez materias-, as clases impartiranse na sede campus da Escola de Enxeñería Industrial, salvo o apartado de prácticas en empresa, “un dos elementos clave do máster”, que se realizará nunha firma que se adapte ao perfil de cada un dos estudantes. “Movémonos polo tecido industrial buscando aquelas vacantes que mellor se poidan axustar á formación previa de cada alumno ou alumna, pois non tería moito sentido pór a un enxeñeiro/a de minas a facer unha análise microbiolóxica”, explica o coordinador do máster, recalcando o feito de que as prácticas se asignan considerando as necesidades da empresa e as capacidades do estudante, con entrevistas a dúas bandas. “É un traballo arduo, pero que dá os seus froitos”, subliña Cameselle, quen lembran o alto grao de colocación no mercado de traballo que lograba o alumnado do Máster en Contaminación Industrial, no que tamén se seguía este sistema.