DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova titulación comeza a impartirse o vindeiro curso nas tres universidades galegas

Un novo mestrado busca potenciar a investigación e innovación en educación infantil e primaria

Contará con 20 prazas na Facultade de CC da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 22/05/2018

Proporcionar ás tituladas e titulados nos graos en Educación Infantil e Educación Primaria, así como a profesionais da docencia, a posibilidade dunha especialización en investigación e innovación en didácticas específicas constitúe un dos propósitos centrais do novo mestrado interuniversitario que no curso 2018/2019 comezará a impartirse nas tres universidades galegas. Cunha oferta diferente de materias optativas en cada un dos tres centros nos que se impartirá, o máster en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria contará con 20 prazas na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que este martes acollía a presentación dun posgrao “que foi cualificado como estratéxico pola Xunta de Galicia”, como lembrou o decano, Vicente Romo.

Así mesmo, este posgrao contribuirá tamén a facilitar “o acceso ao doutoramento e as posibilidades de mellora de emprego” das tituladas e titulados nestes eidos, como engadiu nesta presentación a coordinadora da titulación na Universidade de Vigo, María Álvarez Lires, quen recoñeceu tamén a implicación tanto da Xunta de Galicia como das tres universidades á hora de “chegar un consenso” que permitiu, engadiu, que esta facultade “conservase os másters que xa temos e engadísemos un máis”. Nese mesmo senso, Romo salientou a implicación do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, “sen a que isto non tería sido posible”, así como dos reitores das tres universidades con esta titulación, que, segundo o calendario aprobado pola Universidade, abrirá a súa preinscrición o 22 de xuño. 

A presentación contou tamén coas intervencións da directora do Departamento de Didácticas Especiais, Marián Fernández Villarino, quen salientou a “importante oportunidade” que este novo posgrao supón “para o desenvolvemento profesional” do alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria, e do presidente da delegación de estudantes da facultade, Marcos García, quen agradeceu a consecución dunha nova titulación “que pode axudar a mellorar moito máis a nosa institución”. 

Interdisciplinariedade e cinco áreas curriculares

Integrado por 60 créditos ETCS de formación presencial, esta nova titulación articúlase, como explicou o secretario da Comisión Académica, Uxío Pérez nun primeiro cuadrimestre de materias obrigatorias, entre as que destacan, como engadiu Lires, “novidades interesantes” como aquelas que se centran no traballo por proxectos, “que era unha demanda do colectivo estudantil”, así como as que abordan “experiencias interdisciplinarias” que engloban ás áreas de música, linguas estranxeiras e didáctica das ciencias experimentais. A metodoloxía de investigación o ou uso das TIC no ensino forman parte tamén do grupo de contidos obrigatorios desta titulación, que suma tamén unha materia sobre o ensino en linguas estranxeiras de materias curriculares específicas.

A partires de aí, o mestrado complétase no segundo cuadrimestre cunha serie de materias optativas, cuxa oferta varía nas tres universidades, e que abarcan, explicou Pérez, “cinco grandes áreas curriculares, a didáctica das ciencias experimentais, a didáctica da expresión musical, a didáctica da expresión artística, outra de aspectos de linguas tanto estranxeiras como iniciais e outra de educación física e expresión corporal”, con dúas materias centradas en cada un destes bloques.. 

Completa a formación un período de prácticas que, segundo explicou a responsable desta área na nova titulación, Antonia Blanco, “van ser diferentes e de maior profundidade que as do grao”. Concretamente, impulsarase “un prácticum bastante innovador” vinculado a actividades de investigación e innovación, engadiu Pérez, que explicou que o propósito é que este período de prácticas constitúa “o traballo de campo para facer o traballo de fin de máster, no que haberá que investigar e innovar”, para logo recoller os resultados deste proceso nun traballo “cunha estrutura semellante á dun artigo de investigación”.