DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A publicación retoma a súa actividade despois deixar de editarse en 2016

Un novo número e unha nova etapa para a revista 'Minius'

Os seus contidos pasan a estar dispoñibles en liña

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 11/03/2021

A revista Minius. Historia, Arte e Xeografía, do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, vén de abrir unha nova etapa coa configuración dun novo equipo directivo, a realización e publicación en papel do seu número 25 e a dispoñibilidade web de todos os seus contidos. Despois de estar varios anos sen editarse, a publicación reactívase co obxectivo de non deixar esmorecer “unha marca de 28 anos que ten esta revista”.

Creada no ano 1992 e editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, Minius parou de publicarse tralo seu número 24, correspondente ao ano 2016 e foi retomada o pasado ano. Para dar a coñecer a súa nova etapa e o seu novo número, este xoves o campus de Ourense acolleu un acto no que participaron Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia; Fermín Pérez, director do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, e Xosé Antón Díaz, director da revista, estando tamén presentes Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, e outros membros da comunidade universitaria.

O reitor salientou nas súas palabras como “sentímonos moi orgullos de que a Universidade de Vigo poida pór o seu selo nunha revista de tanta calidade e tanto esforzo” e amosou o seu desexo de que esta publicación “se consolide de novo, de que vaia subindo postos e de que aspire ao máximo”. Pola súa banda, Fermín Pérez indicou como “o que estamos a celebrar é a reactivación ou o renacemento da revista Minius”, destacando a súa satisfacción por acadar este obxectivo. Unha satisfacción compartida por Susana Reboreda, que lembrou o esforzo e o mérito que supón sacar iniciativas adiante cando se trata de departamentos e centros pequenos como os implicados nesta iniciativa.

Periodicidade anual e carácter interdisciplinar

No seu discurso, Xosé Antón Díaz tivo palabras de recoñecemento para os equipos directivos precedentes de Minius e de agradecemento polos apoios recibidos dos diferentes órganos da Universidade de Vigo. O director da revista destacou como tras conseguir sacar adiante un novo número, “o reto agora é dobre: por unha banda, que a revista se posicione a favor de lograr unha indexación de interese nos actuais índices de impacto das revistas científicas e que se vaia orientando cara se converter nunha publicación con destacadas achegas de investigadores internacionais”.

O número 25 presentado este xoves e correspondente ao ano 2020 está composto por 13 artigos e unha reseña. Os textos incluídos abordan temáticas moi diversas, desde a guerra biolóxica e química na Grecia antiga (séculos VIII-IV a.C) e a emigración galega a Venezuela ata a crise do transporte ferroviario de mercadorías en Galicia entre 1970-2010 e a Fundación Malingre de Ourense e a súa influencia europea. Tamén hai espazo neste número para artigos sobre a historia legalista da propiedade aforada en Galicia, o modelo turístico do litoral galego desde o enfoque da oferta, o patrimonio histórico-artístico da parroquia ourensá de Santa Marta de Moreiras e o reformismo e gobernos civís na transición en Ourense. Completan esta listaxe de temas, textos sobre Ayala, a infancia abandonada en Pontevedra entre 1872 e 1931, a construción social do autoritarismo brasileiro, a creación de ficcións e o diario ABC e a comunicación no 68 mexicano. Asinan estas achegas investigadoras e investigadores de procedencia diversa pero habendo unha destacada participación de persoal docente e investigador da UVigo. Pecha o número unha reseña de María Concepción Álvarez.

A revista, explican desde a súa dirección, mantén nesta nova etapa a súa periodicidade anual e o seu carácter interdisciplinar, abranguendo dentro das humanidades as áreas de coñecemento que corresponden ao departamento editor, como son a historia, a arte e a xeografía. Aínda que o número presentado este xoves se editou en papel, a publicación pasará a ter un formato electrónico. Desde Minius tamén destacan como xa están a traballar no número 26, o correspondente a 2021, apuntando como está aberta ata o 30 de maio a convocatoria para a recepción de “traballos científicos, orixinais e inéditos”, resultado de investigacións científicas nos citados ámbitos da revista, é dicir, a historia, a arte e a xeografía. No marco desta nova etapa, todos os números da publicación, creada no ano 1992, pasan a estar agora dispoñibles en liña a través do Servizo de Publicacións da UVigo.