O terceiro volume desta publicación comprende artigos de investigación, revisións e recensións
Un novo número da revista 'Gender on Digital' pon o foco nas violencias sexuais dixitais que afectan maioritariamente ás mulleres
Co inicio do ano, a Unidade de Igualdade lanza unha nova edición, a terceira, da revista Gender on Digital. Journal of Digital Feminism, unha publicación que botou a andar en 2023 ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo. Este novo volume céntrase nas violencias machistas dixitais e comprende artigos de investigación, revisións e recensións arredor deste tema.
Como explica o equipo responsable da revista, liderado pola directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez Castro, “abórdase un dos retos máis complexos e urxentes da nosa sociedade contemporánea: as violencias sexuais que se reproducen e transforman nas contornas dixitais”. E é que como se detalla no prólogo, “as tecnoloxías, lonxe de seren espazos neutros, convertéronse en escenarios onde se amplifican as desigualdades de xénero, emerxen novas formas de violencia e, ao mesmo tempo, se articulan resistencias e propostas para a xustiza social”. Para analizar todo este contexto, a revista inclúe traballos de investigación de revisión teórica e empírica, tanto de metodoloxía cuantitativa como cualitativa, aplicada e de desenvolvemento teórico, análise socio-política, recensións bibliográficas de recente actualidade e estudos de caso que, pola súa relevancia, merecen unha especial atención, como o caso de Pelicot.
Cinco artigos, dúas recensións e unha revisión
No primeiro artigo, Adolescencia e violencia sexual facilitada pola tecnoloxía: unha revisión sistemática de revisións, Laura Sampedro-Ferreirós e Rosana Martínez-Román, da UVigo, parten da análise de 15 revisións publicadas entre 2020 e 2025 que abarcan 648 estudos para evidenciar as elevadas taxas de prevalencia de envío, recepción e reenvío non consentido de contido sexual, sendo as mozas as principais vítimas. O traballo subliña a urxencia de reconceptualizar prácticas como o sexting e de implementar políticas e programas educativos adaptados á contorna dixital.
No segundo artigo, Piropos virtuais e adolescentes: unha forma de ciberacoso sexual, a traballadora social Sabela Salgueiro recolle os resultados dun traballo con 20 grupos de discusión con 232 adolescentes das provincias de Ourense e Pontevedra. Os datos revelan que as mozas son receptoras habituais de comentarios sexuais en liña que lles xeran malestar e medo, mentres que os mozos, principais emisores, tenden a percibilos como neutros ou positivos.
O terceiro artigo de investigación, Ciberviolencias en contextos dixitais: comunicación, poder e desigualdade de xénero, foi elaborado por Alba Adá-Lameiras, Marian Blanco-Ruiz e Pilar Cruz-Moya da Universidade Rey Juan Carlos. Tras estudar unha mostra de 734 estudantes, as investigadoras concluíron que as alumnas universitarias son as principais vítimas de vulneración da intimidade e exposición sexual non consentida, así como de control e manipulación dixital; só no ámbito das ameazas en contornas dixitais son os mozos quen as sofren en máis ocasións.
Noutro capítulo, María Calado Otero, da UNIR, analiza como a contorna dixital, e en especial as redes sociais, se converteron nun escenario central para a reprodución e resistencia de violencias simbólicas que afectan aos corpos feminizados. A investigadora resalta que nestes espazos operan discursos estéticos, de autocoidado e saúde que impoñen mandatos corporais, xerando formas sofisticadas de control corporal e autovixilancia. Fronte a iso, visibiliza iniciativas procedentes do activismo feminista e antigordofóbico, da arte, etc. para facer fronte aos códigos estéticos dominantes.
O quinto artigo, sobre a perspectiva de xénero na dixitalización e os algoritmos na música, da investigadora da Universidade do País Vasco Soraya Alonso-Alconada, analiza como a dixitalización e a intelixencia artificial están a transformar a industria musical e, en particular, a visibilidade e representación das mulleres artistas. A autora resalta que os sistemas algorítmicos reproducen patróns que favorecen os homes, limitando a difusión do traballo feminino e expón a necesidade de infraestruturas dixitais inclusivas e éticas que garantan igualdade.
Finalmente, este número remata coas recensións de dous libros (Vivir cos homes. Reflexións sobre o xuízo Pelicot de Manon García e O continuo das (ciber)violencias sexuais e de xénero contra as mulleres) e dun artigo de revisión (Prevalence of Technology-Facilitated Sexual Violence Against Women de Benítez-Hidalgo et al.), que son fundamentais para unha reflexión crítica, feminista e sociotecnolóxica.
