DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dunha publicación electrónica anual dirixida polo profesor Roberto O. Bustillo

Un novo número da revista Redas aborda a anulación dos plans urbanísticos e as convencións globais sobre a auga

A iniciativa enmárcase dentro do proxecto de especialización Campus Auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 19/01/2022

O sexto número de Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad, xa está dispoñible na rede para a súa consulta. A publicación, lanzada desde a Facultade de Dereito no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, afonda nesta ocasión nas convencións globais sobre a auga e na anulación de plans urbanísticos na comunidade autónoma galega.

Redas é, tal e como indican desde a súa organización, unha publicación internacional electrónica nacida en 2015, de contido xurídico e periodicidade anual especializada en auga, medio ambiente e desenvolvemento sostible cuxos contidos van dirixidos tanto a persoas interesadas nestas materias provintes do ámbito académico como do profesional. Forma parte da actividade académica da Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos (Redexmar) e está dirixida por Roberto O. Bustillo, profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, contando como secretaria académica con Laura Movilla, profesora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais.

Tres visións

Esta nova entrega da revista arranca cun editorial de Roberto O. Bustillo e Laura Movilla titulado De Protágoras ás vixentes convencións globais sobre a auga. Nel, alén de presentar os contidos do número, destácase como a dispoñibilidade de recursos hídricos suficientes para satisfacer as necesidades da poboación mundial (consumo doméstico, usos agrícolas, industriais...) supón na actualidade un dos problemas medio ambientais máis preocupantes e con tendencia a incrementar a súa intensidade co  paso dos anos. Neste contexto, apuntan, entre outras cuestións, a importancia de potenciar desde o ámbito público e privado a investigación neste ámbito, tanto dedicando directamente recursos humanos como materiais, e asumir “en termos familiares e empresariais autolimitacións ao confort e ao beneficio económico sobre a base dun consumo e unha produción hidroresponsables”.

Entre os contidos deste número de Redas inclúese o estudo titulado A anulación de plans urbanísticos no ámbito da comunidade autónoma de Galicia, elaborado pola doutora María José Valenzuela, técnica de administración xeral da administración local, en base á súa tese de doutoramento e a súa experiencia profesional na Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística. No seu traballo sinala como “a expulsión do ordenamento xurídico dos plans urbanísticos tras a declaración de nulidade apreciada polos tribunais incrementouse de forma significativa nos últimos anos en todo o territorio nacional. Tendo en conta as consecuencias que se derivan desta nulidade, esta cuestión revelouse como un dos grandes problemas do noso ordenamento xurídico, que reclamou a atención da doutrina máis autorizada”. Tendo en conta esta problemática, no seu estudo analiza a situación no ámbito galego, prestando especial atención ás causas que toman en consideración os órganos xurisdicionais para decretar a nulidade.

No seu artigo, María José Valenzuela explica que “o procedemento de elaboración e aprobación dos plans urbanísticos reviste unha considerable complexidade, que supera con fartura a dificultade que poida ter a aprobación de calquera outra norma que elabore a administración municipal”. Así, recalca, “o inxente volume de normativa, tanto de índole urbanística como emanada de distintas administracións no exercicio de múltiples competencias sectoriais, que afecta a un plan urbanístico é dunha dimensión tal que resulta realmente complexo coñecer e cumprir rigorosamente todos e cada un dos requisitos exixibles ao longo do dilatado período de elaboración dun instrumento de plan urbanístico”. Aínda que, engade a experta, parece que podamos atoparnos ás portas dun cambio de tendencia na xurisprudencia do Tribunal Supremo, non se pode afirmar aínda que se produciu un abandono da doutrina xurisprudencial neste eido e tampouco parece inmediata a aprobación dunha modificación lexislativa que teña por finalidade achegar seguridade xurídica á ordenación territorial e urbanística. Porén, apunta, “máis aló dos cambios lexislativos que poidan acaecer, resulta apremiante unha reflexión de todos os axentes implicados respecto da eficacia e eficiencia do noso sistema de plan urbanístico, nun contexto no que, máis aló do contido e dos fins que lle son propios ao plan urbanístico, o esforzo de todo planificador céntrase en alcanzar un acto de aprobación e garantir a pervivencia xurídica deste instrumento”.

Neste número de Redas, a profesora Laura Movilla tamén aborda as principais similitudes e diferencias entre as dúas convencións globais sobre a auga que regulan as masas de auga doce que atravesan varios estados: a Convención das Nacións Unidas sobre o dereito dos usos dos cursos de auga internacionais para fins distintos da navegación, de 1997, e o Convenio sobre a protección e utilización dos cursos de auga transfronteirizos e dos lagos internacionais, de 1992. “A pesar das diferenzas que existen entre as dúas convencións, parece existir un consenso bastante xeneralizado respecto de que o seu contido non resulta contraditorio, senón que a principal diferenza entre ambas atópase sobre todo no grao no que unha e outra detallan distintos aspectos”, comenta a investigadora. De feito, detalla, 18 estados son xa parte de ambas convencións e avógase pola súa ratificación conxunta desde distintos foros. “Esta promoción da súa ratificación conxunta e aplicación coordinada e complementaria probablemente sexa a forma máis sensata de tentar lidar coa situación un tanto atípica que se deriva da existencia simultánea de dúas convencións con vocación de universalidade sobre a gobernanza dos cursos de auga”, sinala.

Un novo número en preparación

Unha vez publicado este sexto número, a revista ten aberto xa o prazo para a presentación de traballos para a seguinte entrega, a correspondente a 2023. O prazo para a recepción de traballos remata o 1 de novembro de 2022, estando dispoñibles na páxina web da publicación as normas de presentación, elección e publicación de textos.