DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ideado por un investigador da Universidade

Un novo sistema permitirá optimizar as explotacións subterráneas de mármore

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI DUVI 21/11/2007

As canteiras de mármore subterráneas requiren unha inversión superior nun 45% ás explotacións realizadas a ceo aberto. Así o determina a tese de doutoramento de Emilio Trigueros, investigador da Universidade de Vigo que analizou a actividade de catorce centros de extracción do sueste de España, Italia e Grecia. Co propósito de facilitar a toma de decisións por parte das empresas, Trigueros desenvolveu ferramentas que permiten garantir a rendibilidade dos proxectos a partir dalgúns datos sobre as capas de mármore.
O investigador realizou unha síntese xeolóxica e xeotécnica das capas, determinando os principais parámetros que afectan á súa explotación, como o espesor, inclinacións, espazos dispoñibles na dirección do seu corremento, índice de calidade da rocha e resistencias mecánicas, así como a persistencia e características das súas fracturas. Como resultado do estudo, Triguero estableceu unha tipoloxía que permite calcular os recursos humanos e maquinaria precisos para a obtención do mármore, contando cos ritmos de produción axeitados.
Ao mesmo tempo, o investigador estableceu as diferenzas existentes entre os xacementos a ceo aberto e as subterráneas no plano económico. Segundo Triguero, a produtividade nas canteiras de interior diminúe nun 36% respecto das de superficie, sendo o custo por metro cúbico un 63% maior e o prezo de venda preciso para acadar a mínima rendibilidade un 69% superior. A pesar destes datos negativos, “o importante labor de protección de espazos de alto valor ambiental limitou a posibilidade de acceder á extracción en determinadas áreas cun importante volume de reservas, mediante barreiras lexislativas e administrativas que, en ocasións, poden ser salvadas con este tipo de escavacións”, sinala Emilio Triguero. A extracción en superficie provoca unha notable alteración da fisiografía, agravada pola situación da maior parte dos xacementos en zonas semiáridas nas que a cuberta vexetal posúe una moi lenta recuperación. Por esta razón as perforacións subterráneas, habituais na década dos 50 e 60 do século pasado, volven a ser empregadas actualmente pola minería de roca ornamental, a máis activa na Europa meridional.
“Os proxectos de interior requiren o respaldo de empresas con suficiente capacidade financeira e técnica”, afirma o autor do estudo, “xa que requiren investigacións e proxectos iniciais máis detallados de desenvolvemento máis complexo; soamente mediante o seu control e seguimento poderase obter unha optimización de resultados”. Este sistema obriga tamén a unha especialización dos traballadores distintas ás escavacións exteriores, xa que os labores de avance e sostemento de teitos son desenvolvidas por equipos adestrados especificamente para elo.

Mercado do mármore

Aínda que a maior canteira de mármore de interior se atopa en Vermont, ao nordeste dos Estados Unidos, o continente europeo lidera a explotación subterránea de rochas ornamentais. Ata agora, as dúas zonas onde se sitúan son no distrito Massa-Carrara, en Italia, e en Valdeorras-A Cabrera, en España, onde existen explotacións de pizarra deseñadas por investigadores da Universidade. Segundo Emilio Trigueros, “España sitúase entre os líderes en produción e distribución de mármores, o que supón unha circunstancia de interese para o desenvolvemento de metodoloxías e técnicas innovadoras no sector”.