DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co apoio da Universidade de Vigo, desenvolverase do 9 ao 14 de decembro

Novos Cinemas cumpre dez anos de aposta pola formación e polo impulso a cineastas emerxentes

O seu programa abrangue obradoiros, mesas de debate e a presentación de curtas do alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 02/12/2025

Centrado nas primeiras e segundas longametraxes de novos directores e directoras, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas celebrará entre o 9 e o 14 de decembro unha década de traxectoria, caracterizada pola súa aposta tanto polo cinema emerxente como pola formación. A proxección de filmes de 18 nacionalidades verase complementada por un programa de obradoiros, mesas de debate, encontros profesionais ou pola presentación das curtametraxes realizadas por once estudantes do campus no marco dun taller impartido pola directora Anxos Fazáns, egresada da Facultade de Comunicación e protagonista ademais, co filme As liñas descontinuas, da sesión de apertura desta décima edición.

Promovido pola asociación cultural Novos Cinemas e a produtora Matriuska, co apoio de Universidade de Vigo, Concello de Pontevedra, Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic), Deputación de Pontevedra e Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisiuales (ICAA), a programación desta edición presentouse este martes no Teatro Principal. “Novos Cinemas naceu sobre todo para poñer o foco na formación de novos espectadores e na formación audiovisual e cinematográfica”, lembrou o director executivo do certame, Daniel Froiz, nunha presentación que contou coas intervencións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente da Deputación, Rafael Domínguez; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o director artístico de Novos Cinemas, Suso Novás. 

“A formación atravesa todas as edicións”

A vicerreitora lembrou que Novos Cinemas naceu hai unha década “para pór o foco nas voces que máis nos identifiquen”, centrándose no traballo de directoras e directores noveis e en filmes “que nos sorprenden, nos cuestionan e propoñen novas maneiras de ver o mundo”. Lantarón recalcou o “apoio constante da Universidade de Vigo a este proxecto, desde a súa edición cero”, posto que “ademais das proxeccións”, este festival “é un espazo de formación, debate experimentación”. Desta vertente formativa, destacou tanto a aposta por incluír na programación “a mirada dunha nova xeración de cineastas”, coa estrea das curtas realizadas no obradoiro Cine dende os corpos, impartido por Fazáns, así como a continuidade da sección competitiva Ceres, dedicada aos centros formativos. 

“A formación atravesa todas as edicións de Novos Cinemas”, engadiu Novás, nunha presentación que se completou coa presentación do vídeo promocional desta edición número 10, realizado polo estudante da Facultade de Comunicación Nel González.

Esta presentación viuse sucedida pola entrega do I Premio de Cinematografía Novos Cinemas Pontevedra á directora Carla Simón.

Actividades en diferentes puntos da cidade

Alén das proxeccións, no Teatro Principal, dos nove filmes seleccionados para a sección oficial e dos catro incluídos no apartado Latexos, a programación de Novos Cinemas abrangue un conxunto de actividades en diferentes puntos da cidade. Entre eles atópase a sede da Vicerreitoría, que o martes 9 acollerá o taller O guión. Novas narrativas e temáticas no cinema emerxente español, impartido pola crítica de cine Daniela Urzola. A Casa das Campás será así mesmo sede de varias das iniciativas dirixidas aos sete cineastas seleccionados para o laboratorio de proxectos Terralab, no que obteñen o asesoramento de diferentes profesionais. Ademais,  a Vicerreitoría albergará un encontro das e dos seleccionados en Ceres, “unha competición de centros formativos de España e Portugal”, explicou Novás, para o que foron seleccionados cinco proxectos, entre os que se atopa a curtametraxe Todo dicho, do estudante da Facultade de Comunicación Nel González. 

Unha das novidades desta edición, apuntou Froiz, é o impulso de Ágora, “un espazo de traballo profesional”, que reunirá múltiples axentes do sector e no que se insiren unha serie de encontros, así como unha mesa sobre os dez anos de Novos Cinemas, aberta ao público, que terá lugar o 13 de decembro na Fundación RAC. 

No referido ás proxeccións, o festival inaugurase con As liñas descontinuas, segunda longametraxe de Fazáns, e clausurarase con Así chegou a noite, de Ángel Santos. Así mesmo, dedicará o seu apartado Foco á produtora arxentina Un Puma, e contará novamente co Premio Xurado Novo, que será outorgado a un dos filmes da sección oficial por un xurado integrado por tres estudantes do campus, Eva Blanco, Gael Martínez e Marta Rodríguez.