DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Teatro Principal acolleu a presentación das curtas realizadas nun taller con Adrián Canoura

Novos Cinemas levanta o pano coas experimentacións audiovisuais do alumnado do campus

O obxectivo do obradoiro era achegalos ao ámbito da videocreación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Ourense 14/12/2021

Poucas horas antes de que tivese lugar a súa inauguración oficial, dez estudantes do campus convertéronse nos primeiros protagonistas da sexta edición do Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas, que, un ano máis, abría o seu programa de proxeccións cos resultados do obradoiro que cada curso promove xunto coa Vicerreitoría. O videoartista Adrián Canoura foi o encargado de guiar estes dez alumnos e alumnas das facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación nun achegamento á videocreación e á confluencia do cinema con outras linguaxes, nun obradoiro no que buscou que puidesen experimentar con diferentes formatos, técnicas e ferramentas.

Os resultados finais do taller Videohipnose. Experimentar co cinema na era dixital presentáronse no Teatro Principal, nun acto no que Canoura e os estudantes estiveron acompañados polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o codirector do festival, Suso Novás. Traballar con imaxes de arquivo, achegarse a “cuestións máis abstractas” experimentando con dispositivos como sintetizadores e “deixarse levar por un cinema máis contemplativo” foron as tres propostas que Canoura trasladou ao alumnado dun taller dirixido a promover unha experimentación “con condicionantes”. 

“Foi moi interesante descubrir como as diferentes disciplinas artísticas poden conxugarse para crear pezas novidosas”, salienta o estudante de Belas Artes Rubén Mascato, un dos participantes nun taller marcado polos procesos de traballo colaborativos. Nese senso, a tamén alumna desta facultade Clara Borrazás pon de relevo que esta experiencia “non se semellou en nada a outros cursos ou a unha clase normal”, xa que foi un proceso no que “todos aprendemos de todos” e no que, como engade Fernando Areal, alumno de Comunicación Audiovisual, Canoura “trataba de inspirarnos amosándonos unha morea de artistas, referencias e posibilidades no eido do cinema experimental e a videoarte para que fósemos nós os que atopásemos o camiño”. Nesa mesma liña, Alejandro López, alumno do doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea destaca como Canoura puxo o foco “nos nosos propios procesos individuais”, nun taller que foi “ante todo, un espazo no que ver e compartir diferentes modos de traballar co material audiovisual”. 

Imaxes de arquivo como punto de partida

Unha das propostas de Canoura foi traballar con imaxes de arquivo, como fixo Borrazás en Tocotoco, unha curta que define como "unha viaxe psicodélica por paisaxes e cores”, para a que empregou “vídeos de arquivo familiar de escenas gravadas dende un helicóptero”. Estudante do Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea Cristina Vera presentou Arriates, peza que define como “o rexistro dunha acción na que prima o acontecemento en si e a improvisación que o acompaña”, que supuxo para ela unha “primeira aproximación a un material doméstico tanto propio como alleo e á confrontación de ambos no espazo de proxección”.

Seguindo tamén esta proposta, Fernando Areal traballou cunha cinta VHS da voda de seus pais, imaxes cunha “gran carta emocional para min”, explica, que serviron como punto de partida para unha curta, O ceo é azul cunha soa nube, na que fixo uso da cor azul “como vehículo conceptual” e para a que compuxo unha peza musical que “contribuíse á sensación de suspensión do tempo e abstracción”. Estudante tamén de Belas Artes, Claudia Pineda, que o pasado verán fora seleccionada para o Short Film Corner do Festival de Cannes, empregou para Corpo d´agua imaxes submarinas que tomou en Madeira e Mallorca, xunto con “metraxe atopado”, cos que deu forma a unha curta inspirada “na teoría do mundo da auga de Russel, que di que partimos de microorganismos, de fontes hidrotermais do océano”. 

Experimentación e introspección

Como unha “representación metafórica da viaxe ao mundo interior” define Rubén Mascato a súa curta Sen nome, na que empregou un “conxunto de imaxes moi potentes a nivel visual”, caracterizadas polo uso do branco e negro combinado coa presenza do vermello, como a cor “da paixón, o amor e o sangue”. Alumna tamén de Belas Artes Tamara Goberna presentou Los apellidos, que define como un “vídeo experimental sobre a desrealización de min mesma como suxeito, pasando pola deconstrución e disección do meu corpo e do meu ser a moitos niveis”. Como unha “tentativa” e unha “sucesión de imaxes que entrañan o A” define a súa curta A > v Alejandro López, que é ademais un dos integrantes do Xurado Novo do festival, xunto con Cristina Vera, Raquel Álvarez, Manuel Lucas e Andrea Varela. Xunto ás súas curtas, neste acto puideron verse tamén Strike a pose (fai unha pose), da alumna do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda Lara Cores; e  42° 25´ 57” N, 8° 38´47” W  e Galice galice, das estudantes de Belas Artes Antía Encisa e Yasmina Farhani Luaces.

Unha semana de actividades arredor do cinema

Tras a presentación destas curtas, a estrea de A virxe roxa, de Marcos Nine, puxo inicio á edición número 06 de Novos Cinemas, que ademais de diferentes proxeccións, inclúe no seu programa outra serie de actividades. Organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producións, co apoio do Concello de Pontevedra, a Vicerreitoría do campus, a Agadic, a Deputación de Pontevedra e o ICAA, do programa do festival forman parte iniciativas como obradoiro que o cineasta Chema García Ibarra e a directora de arte Leonor Díaz Esteve imparten xoves e venres na sede da Vicerretoría. A Casa das Campás será ademais escenario dos encontros con cineastas, que abren este xoves Carlos Martínez Peñalver e Liliana Torres e continúan o venres con dous egresados da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Ángel Filgueira e Silvia Puentes, mentres que o sábado o tamén ex-alumno da facultade Álvaro Gago presentará as primeiras imaxes da súa longametraxe, Matria.