DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O festival celebra a súa quinta edición entre o 15 e o 20 de decembro

Novos Cinemas mantén a súa aposta polo talento emerxente

A programación ábrese coa proxección de oito curtas do alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/12/2020

Coas adaptacións e restricións ás que obriga a crise sanitaria, o festival Novos Cinemas desenvolverá a súa quinta edición entre o 15 e o 20 de decembro. Farao, mantendo a súa aposta por promover o talento emerxente, xa que se trata dun certame que dedica as súas seccións competitivas aos primeiros e segundos filmes dos novos e novas directoras e que, ademais, abrirá o seu programa de proxeccións o vindeiro martes coa estrea das oito curtas que o alumnado do campus realizou no marco dun obradoiro impartido polo cineasta Eloy Domínguez Serén. Organizado pola produtora Matriuska coa colaboración da Vicerreitoría do campus, o Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o festival combina na súa programación as proxeccións, as actividades formativas e os encontros con profesionais.

A presentación este venres da edición 05 de Novos Cinemas contou coas intervencións do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto; o director da Agadic, Jacobo Sutil, o director de programación do festival, Suso Novás, e o produtor executivo de Novos Cinemas, Daniel Froiz. Todos eles puxeron o acento na importancia da colaboración entre institucións na promoción da cultura. “É algo que vai impreso no noso ADN, queremos seguir actuando en diferentes eidos da cultura en Pontevedra e en Galicia”, salientou Soto, que destacou na súa intervención a aposta da Universidade por levar a cabo iniciativas que aglutinen “cultura, coñecemento e formación”, algo fundamental, sinalou, “non só para os alumnos e alumnas do campus, senón para a propia cidade”. 

Como un “festival único en Galicia” definiu Novos Cinemas Fernández Lores, quen destacou o papel “absolutamente fundamental” que a cultura e a creatividade xogan no futuro da cidade. Carmela Silva, pola súa banda, quixo recalcar que “a cultura é segura”, lembrando que “non coñecemos ningún contaxio nunha actividade cultural”, mentres que Sutil puxo o acento na “capacidade de adaptación e compromiso co audiovisual” dos festivais de cine de Galicia, que seguiron adiante neste ano marcado pola covid-19.

Un foco para os cineastas que comezan

“Desde o principio tentamos ser un foco para aqueles e aquelas cineastas que comezan a súa andaina”, salientou Suso Novás, que presentou a programación desta quinta edición, na que o aforo do Teatro Principal estará limitado a 98 persoas. Na sección oficial competirán nove longametraxes de diferentes países, entre os que figura por primeira vez unha produción africana, a angolana Air conditioner. Tres destes estrearanse en España no marco deste festival, que acolle tamén a primeira proxección en Europa do filme arxentino ¿Qué hago en este mundo tan visual?, unha das catro longametraxes que integran a sección “máis íntima” Latexos. A apertura do festival correrá a cargo do cineasta galego Lois Patiño, que presentará Lúa Vermella, mentres que My Mexican Bretzel de Nuria Giménez Lorang protagonizará a sesión de clausura e a sección Foco estará dedicada a Luis López Carrasco. Os diferentes filmes estarán así mesmo dispoñibles na canle de Novos Cinemas na plataforma Filmin.

Protagonismo para o alumnado

O martes 15 proxectaranse no Teatro Principal as oito curtas realizadas polo alumnado do campus no obradoiro de cinema en primeira persoa que impartiu no campus o director Eloy Domínguez Serén. Beatriz Pérez, Valeria Martínez, Juan Ares, Daniel Vidal, Noemi Parga, Raquel Álvarez, Yuri Salgado, Paula Tarrío e Tamara Goberna son os autores e autoras de“oito pezas que teñen unha calidade que non ten nada que envexar a moitas cousas que estamos vendo por aí”, salientou Novás. O director de programación de Novos Cinemas subliñou neste senso o papel protagonista das e os estudantes dun campus "no que hai moito talento", xa que ademais de colaborar como voluntarios nos diferentes equipos do festival, participan tamén neste como “produtores de contidos”. De feito, a presentación completouse coa proxección do spot desta edición, realizado pola estudante Ana Argüelles. 

Así mesmo, cinco estudantes do campus, Fernando Areal, Alba Domínguez, Miguel Gómez, María Ramos e Ángeles Vidal integran o Xurado Novo do festival, responsable de outorgar un dos premios do certame. 

Dada a situación sanitaria, o programa formativo de Novos Cinemas non inclúe actividades nos centros de ensino, aínda que, explicou Novás, estase desenvolvendo un proxecto didáctico, coa colaboración das profesoras da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Begoña Paz e Itziar Ezquieta, para que poida levarse a cabo nos centros educativos. A crise provocada pola covid-19 obrigou así mesmo a converter en virtual o espazo de asesoramento a novos realizadores #LAB, ao que se presentaron este ano preto de 300 proxectos, e a que os encontros con profesionais, que terán lugar no Museo de Pontevedra, sexan así mesmo retransmitidos por streaming, explicou Daniel Froiz.