DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 13 e 14 de novembro

Novos retos para a seguridade e a defensa a debate en Ciencias Sociais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 09/11/2007

Durante o próximo 13 e 14 de novembro, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, acollerá a IV Xornada sobre Cultura de Defensa que, baixo o título “Políticas de Seguridade no Marco da Cultura de Defensa”, ten o obxectivo de analizar a seguridade desde un punto de vista de política pública. “Estas sesións teñen a súa razón de ser na posibilidade de suscitar o debate entre os universitarios sobre as cuestións máis recentes relacionadas coa seguridade como concepto global, é dicir, como factor interno e externo de xestión das crises, todo elo no marco da cultura da defensa e no contexto particular da Comunidade Autónoma de Galicia”, explicou o coordinador e profesor da Universidade de Vigo, Xosé María Mahou Lago.


Contido das xornadas

Ao longo do próximo martes, no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, expertos do Instituto Español de Estudos Estratéxicos do Ministerio de Defensa, do Centro Nacional de Intelixencia e de varias universidades españolas, desgranarán os elementos básicos das políticas de seguridade e defensa en España e Galicia, e como estes ofrecen, dunha forma dinámica e actual, renovados retos as institucións do Estado. O mércores 14 de novembro, os participantes inscritos participarán nunha visita guiada á Escola Naval Militar de Marín.
As sesións son organizadas pola área de Ciencia Política e da Administración da Universidade e contan coa colaboración da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e dos Colexios Nacional e Galego de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía.
A xornada é de libre acceso para toda a comunidade universitaria, así como para todos aqueles cidadáns que estén interesados en ampliar coñecementos sobre a seguridade e defensa nas nosas sociedades, para o que será requisito indispensable inscribirse previamente en los correos electrónicos de los coordinadores (xmahou@uvigo.es y evalvarez@uvigo.es).