DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Yolanda Ríos, Malú Feijóo, Aitor Fernández e Borja Guerrero protagonizan unha mostra colectiva

Novos Valores forxados en BBAA proxéctanse no Museo

Reúne as obras realizadas ao abeiro das bolsas da Deputación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 21/06/2018

As investigadoras predoutorais Yolanda Ríos e Malú Feijóo, o alumno Aitor Victor Fernández e o egresado da Facultade de Belas Artes Borja Guerrero foron en 2017 as gañadoras e gañadores do certame Novos Valores, promovido pola Deputación de Pontevedra. Certame que tiña como premio unha bolsa de 1500 euros para a ampliación de estudos ou desenvolvemento dun proxecto artístico, ao abeiro das que estes catro artistas forxados nesta facultade deron forma ás obras que desde a tarde deste xoves protagonizan no primeiro andar do claustro do edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a mostra colectiva Novos Valores 2017.

“Esta mostra exemplifica a importancia que teñen as bolsas de formación deste certame, porque hoxe aquí podemos ver como a obra destes e destas catro artistas evoluciona e medra e como foi bebendo das experiencias e das escolas polas que pasaron”, asegurou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal no acto inaugural dunha exposición que poderá visitarse ata o 22 de xullo, no que estivo acompañado polo director do Museo, Carlos Valle e as e os artistas premiados.

Esculturas de pan e cerámicas que parten do corpo

Grazas a esta bolsa. a investigadora Yolanda Ríos realizou un curso de formación de catro meses na Escola Massana de Barcelona e un obradoiro co artista Carlos Garaicoa no CGAC, formación que lle permitiu afondar en técnicas escultóricas contemporáneas. “O traballo que desenvolvín parte do deseño dunha cadeira pensada para unha relixión ou ritual, na que, baseándome na relixión católica, realizo unha maqueta dunha cadeira feita de pan”, explica do punto de partida dunha investigación baseada neste alimento “que ademais se relaciona co relixioso, constituíndo un elemento simbólico”. Así, as obras escultóricas que Ríos achega a esta mostra, coa excepción dunha peza, parten da investigación que realizou “das posibilidades plásticas deste material” e sobre “estruturas arquitectónicas que interveñen nas relacións persoais” como o confesionario e a celosía, da que xurdiron estruturas como un biombo construído con pam, unha ventá con celosía e espello a modo de confesionario, “un pequeno habitáculo feito de pan cunha cama no seu interior visible desde unha ventá de celosía” e dúas máscaras feitas con este alimento.

Tamén alumna de doutoramento, Malú Feijóo aproveitou a bolsa de formación para continuar coa investigación que centra a súa tese, que versa sobre as relacións actuais entre o corpo e a pintura, así como para realizar un curso de cerámica na Accademia D’Arte ADA de Florencia. Espacios materializados é o título dunha serie de pezas “nas que está presente o corpo, o espazo e a pintura” así como tamén a pegada; obras que parten de poses realizadas coas mans “que xeran espazos”, materializadas en escaiola, ás que se suman unha serie de lenzos xurdidos dun proceso no que as súas mans actuaron como “recipiente de pintura”, que se derrama desde a que os espazos xerados polas súas mans, converténdoos, explica, “en rexistro dos meus xestos”. 

Fotografías nacidas na N-541 e un tótem de catro metros

Estudante do grao en Belas Artes, Aitor Víctor Fernández dedicou esta bolsa a asistir a cursos de formación con tres fotógrafos internacionais, o portugués Paulo Nozolino, o guatemalteco Luis González Palma, e o estadounidense Gregory Crewdson; asío como á produción As da noite, unha serie integrada por 19 fotográfías, das que oito  foron seleccionadas para esta exposición. Trátase dun proxecto nacido dunha “cíclica e necesaria viaxe” pola estrada N-541, que une Pontevedra e Ourense, o lugar no que estuda e no que reside, e da circunstancia de ter que viaxar por esta estrada de madrugada para facerse cargo de súa avoa, que faleceu no transcurso do proxecto. “Extrapolei a miña forma de sentir aos lugares que delimitan esa estrada”, explicou o artista, que reflectiu nas súas creacións “un pequeno universo de conexión entre o meu interior, ás árbores, a terra e o ceo”. 

Borja Guerrero, por outra banda, utilizou a totalidade da bolsa na produción da obra que achega á exposición, un tótem de catro metros de altura conformado por 14 cadros e por elementos de diferentes materiais como a madeira, a tea, o papel e o metal. “Trátase dunha obra aínda inconclusa que simboliza unha nave do tempo na que viaxar ao paraíso, entendido como un retorno á infancia e como un reencontro cos seres queridos que xa partiron, pero como un reencontro en vida”, indicou o artista, que achega tamén á mostra catro fotos en branco e negro da peza situada en plena natureza.