DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade celebrouse este martes no Auditorio Municipal de Ourense

Un obradoiro aborda a problemática do consumo de alcol por parte de menores

A sesión contou coa participación de expertos do eido académico e profesional

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Cultura
  • Saúde
  • Cultura
DUVI Ourense 27/11/2018

O Auditorio Municipal de Ourense acolleu este martes a celebración do obradoiro Alcol e menores: facemos algo?. O seu director, Manuel Isorna, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, sinala como os obxectivos desta iniciativa foron desenvolver nas e nos asistentes unha visión o máis obxectiva posible da relación entre menores e consumo de alcohol, coñecer algunhas das consecuencias a nivel neurolóxico deste consumo e examinar algunhas das principais problemáticas asociadas ao consumo de alcol, especialmente o chamado “consumo por atracón”.

Ana Torrado, directora de área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, foi a encargada de inaugurar a actividade, que lembrou forma parte da programación de obradoiros que se desenvolven este cuadrimestre desde o campus de Ourense. Cun formato especial dun só día, esta formación, apuntou, enmárcase na liña desta programación de traballar polo “desenvolvemento de destrezas transversais complementarias” e de “achegarse ás demandas e necesidades da sociedade”. Así, Ana Torrado amosou a súa satisfacción pola posta en marcha dun curso que “trata dunha realidade tan dolorosa como é a incidencia do alcol na mocidade”.

Datos e liñas de traballo

A programación do obradoiro incluíu o desenvolvemento de diferentes conferencias a cargo de expertos tanto do eido académico como do sanitario ou da prevención e concienciación. José María Failde, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, foi o encargado de iniciar as conferencias falando de prevalencia e niveis de dependencia do alcohol, tabaco e cannabis, especialmente no caso do alumnado universitario. Seguiulle unha intervención do propio Manuel Isorna sobre vellas e novas formas do consumo de alcol na mocidade. Os dous fixeron un repaso por algunhas das cifras que se manexan de consumo desta droga en menores. Así, lembraron, a Enquisa sobre Uso de Drogas en Ensino Secundario en España 2016/2017, feita polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, apunta ao alcol como a principal droga consumida por este colectivo, cunha prevalencia do consumo nos últimos 12 meses entre os mozos e mozas de 14-18 anos do 75,4%, non habendo diferenzas significativas entre o consumo por xénero.

Outras das cifras expostas na xornada tomando como fonte os datos ministeriais apuntan a que en 2016 323.900 estudantes de 14 a 16 anos empezaron a beber alcol e que o número de estudantes de 14 a 18 anos que consumiron alcol en 2016 ascende a 1.160.200. Ademais dos datos, Manuel Isorna na súa intervención fixo fincapé na evolución nas últimas décadas do consumo desta droga nos menores, especialmente tralo auxe do coñecido como “botellón”, e nas problemáticas asociadas a este “consumo por atracón”.  

Tendo en conta a preocupación que suscitan estes datos, Gerardo Flórez, do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, falou ás e aos asistentes dos danos asociados ao consumo de alcol na poboación xuvenil e Fernando Cadaveira, da Universidade de Santiago de Compostela, interveu sobre esta droga e o cerebro adolescente, concretamente sobre problemas estruturais e funcionais asociados ao consumo intensivo de alcol. Ademais, o programa tamén incluíu unha conferencia de Miguel Ángel Rodríguez, da Fundación de Axuda contra a Drogadicción, titulada Alcol, menores e prevención: reflexións e propostas dende a sociedade civil; outra de Antonio Rial, da Universidade Santiago de Compostela, sobre Consumo de alcol en menores: variables asociadas, e unha última de Miriam Otero, da Consellaría de Sanidade, sobre as medidas lexislativas para reducir o consumo desta droga en menores en Galicia e o seu nivel de cumprimento.