DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi ofrecido pola catedrática de Dereito Mercantil da Universitat de València Josefina Boquera

Un obradoiro aborda o uso de medios telemáticos nas sociedades de capital

Os avances normativos e os retos tecnolóxicos neste eido foron algúns dos temas tratados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 28/10/2021

Durante a pandemia, as sociedades de capital tiveron, ao igual que o resto de sectores, que afrontar o reto de manter a súa actividade recorrendo ao emprego dos medios electrónicos. Isto traduciuse no seu caso en aspectos como a celebración telemática das xuntas xerais ou mesmo a constitución das sociedades a través de Internet. Este xoves, a Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu un obradoiro que tivo como obxectivo achegarse ao estado actual da utilización dos medios electrónicos nas sociedades de capital, aos seus problemas e paradoxos.

A actividade estivo organizada pola Área de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, estando dirixida por Ana María Tobío, catedrática de Dereito Mercantil da UVigo, e Juan Manuel de los Ríos, profesor e vicedecano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. O obradoiro correu a cargo de Josefina Boquera, catedrática de Dereito Mercantil da Universitat de València, que conta cunha dilatada traxectoria investigadora no eido do dereito societario, e en particular no funcionamento das súas xuntas xerais e dos órganos de administración. O obradoiro, explicou Josefina Boquera, centrouse na utilización dos medios telemáticos no funcionamento e constitución de sociedades de capital, abordando cuestións como os dereitos que poden exercitar as e os socios por estes medios e a súa constitución de xeito virtual. Tamén se achegou ao uso neste eido “das futuras tecnoloxías, como o blockchain e a intelixencia artificial”, das que a relatora destacou que “eu creo que nun tempo non demasiado amplo tamén se utilizarán nas sociedades de capital”.

En proceso

Segundo comentou a catedrática de Dereito Mercantil na súa visita ao campus de Ourense, as sociedades de capital poden empregar unha páxina web corporativa para as súas xestións telemáticas, sendo obrigatoria para as sociedades cotizadas e voluntaria para as sociedades non cotizadas. A través delas, indicou, permítese aos socios exercitar os seus dereitos, como o de información, asistencia e voto, non só de maneira presencial senón tamén telemática, tendo en conta os medios e procedementos que cada sociedade establece.

Facendo un repaso pola evolución do uso de medios electrónicos nas sociedades de capital, Josefina Boquera indicou que no ano 2003 comezou a xurdir a constitución telemática destas entidades e que foi a partir de 2010 cando se empezaron a usar para o exercicio dos dereitos dos socios e socias. A pandemia, indicou, impactou tamén neste eido e “as normas covid fixeron que incluso nestes momentos estea prevista a posibilidade de xuntas xerais totalmente telemáticas, sen presencialidade de ningún suxeito, nin administradores nin socios”, podendo conectarse de xeito telemático para “votar, preguntar e exercitar todos os seus dereitos”. Os avances postos en marcha na etapa covid, sinalou a relatora, veñen de ser regulados nunha norma, concretamente no artigo 182 bis da lei de sociedades de capital, que, apuntou, “deixa á vontade das sociedades establecer nos seus estatutos a posibilidade destas xuntas telemáticas”.

A pesar dos avances telemáticos acadados, Josefina Boquera explicou que “nestes momentos falamos moito do tema pero a súa utilización por parte dos socios, sobre todo nas grandes sociedades, non é demasiado significativa”. En todo caso, recalcou como á hora de valorar este uso hai que ter en conta que “hai moitas diferencias entre o que é unha sociedade cotizada, como pode ser un gran banco, co que pode ser o fontaneiro do barrio que pode ter unha sociedade. Os recursos dispoñibles e as necesidades de uns e outros son moi diferentes”. Entre os retos de futuro, apuntou como se está a comezar a falar por exemplo do emprego de big data para tomar determinadas decisións dentro das sociedades, de intelixencia artificial e mesmo de ciberadministradores.