DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle un taller sobre o uso dunha copiadora Riso para traballos de ‘stop motion’

Un obradoiro afonda en como deixar unha pegada analóxica na animación dixital

Impartido polos responsables do estudio Rapapawn

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 19/10/2022

O New York Times ou Givenchy forman parte dos clientes para os que os egresados da Facultade de Belas Artes Cynthia Alfonso e Óscar Raña, do estudio Rapapawn, teñen realizado pezas de animación. Procedentes do mundo do cómic, un dos sinais do seu traballo é a exploración das singularidades que o uso da risografía pode achegar a un proxecto de animación fotograma a fotograma. Explorar as posibilidades estéticas que ten o uso dunha copiadora Riso para dar forma a unha peza de animación stop motion que vaia do dixital ao analóxico constitúe o eixo central do obradoiro que ao longo desta semana imparten nesta facultade.

Inserido na programación de obradoiros de extensión universitaria, abertos a toda a cidadanía, da Vicerreitoría do campus e coordinado polo profesor Marcos Covelo, o taller Animación en riso dá continuidade a outra serie de talleres dirixidos a explorar as posibilidades da copiadora Riso SF9530 que a facultade adquiriu en 2018. Presentada como “un híbrido entre unha fotocopiadora e a serigrafía”, o traballo con esta máquina caracterizase polo singular rexistro que deixan as tintas sobe o papel e polas pequenas variacións que se van xerando entre as diferentes copias e deu como resultado á creación na facultade do selo de autoedicións Error Es Bien

Ata a data, como lembra Covelo, os diferentes obradoiros realizados centráronse en explorar “os resultados que dá a risografía de por si”, mais nesta ocasión o eixo da proposta foi ver como “se seguimos manipulando eses resultados, conseguimos algo novo”. Non en van, a proposta de Raña e Alfonso, céntrase en, partindo dunha “animación manual, fotograma a fotograma”, guiar ao alumnado no desenvolvemento dun loop que primeiro deseñan con ferramentas informáticas, para posteriormente imprimir todos os fotogramas coa copiadora Riso, escanear os resultados e volvelos converter nunha peza dixital. “Deste xeito, obtense un acabado diferente, grazas ás características cromáticas das tintas e a esa marxe de erro, que sempre está aí”, salienta Raña. “Ao final, obtés unha estética analóxica con algo dixital”, engade Alfonso dunha técnica que, recoñece, forma parte do “modus operandi” do traballo de Rapapawn no mundo da animación experimental e que tamén empregan con frecuencia nos seus proxectos no ámbito da banda deseñada.