DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa forma parte do proxecto de investigación Justisigns2

Un obradoiro afonda en como mellorar a atención a vítimas de violencia de xénero xordas

Coa participación de profesionais de diferentes disciplinas e servizos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 02/11/2022

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este mércores o obradoiro Comunicación en contextos de violencia de xénero, organizado polo profesorado do centro Silvia Pérez e David Casado. A actividade está financiada pola Unidade de Igualdade e forma parte do proxecto de investigación Justisigns2 (Empowering Victims of Gender-Based Violence through VET for Multiagency Actors), no que participa a Universidade de Vigo, e nela abórdase a atención a vítimas de violencia de xénero xordas e xordocegas.

O programa da actividade inclúe unha conferencia inaugural sobre a violencia de xénero en Ourense, sobre as súas dificultades e retos, a cargo de Beatriz López, directora en funcións e asesora xurídica do CIM Ourense. Síguelle unha mesa redonda con debate posterior con Marifé García, traballadora social da FAXPG-Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (A Coruña); Natalia Feijóo, axente da UFAM-Unidade de Atención á Familia e á Muller (Vigo); Carmen G. Lloves, mediadora intercultural xorda (Vigo), e Rosana Izquierdo, médica de familia (Vigo). A iniciativa terá continuidade este xoves no campus de Vigo, na Facultade de Filoloxía e Tradución, co obradoiro, do mesmo proxecto, Interpretación en contextos de violencia de xénero.

O obxectivo desta actividade, comentou Silvia Pérez antes da súa celebración, “é establecer vínculos transdisciplinares” entre diferentes profesionais e disciplinas implicadas na atención a vítimas de violencia de xénero xordas. “Todas e todos traballamos de cara ás vítimas pero realmente non temos uns espazos de coordinación, cada un está na súa disciplina, no seu servizo”, afirmou. Dada esta situación, apuntou, o obradoiro quere “darlle esa característica transversal á intervención”. Así, a xornada quixo reunir a profesionais que expliquen o seu quefacer, enfocado ás necesidades e características de estar atendendo a vítimas xordas. A e os asistentes, principalmente alumnado do eido social da Facultade de Educación e Traballo Social, participará ademais nunha dinámica de xogo de roles na que poderá pór en práctica “unha situación que todo profesional pode ter que pasar nun momento dado e poder ver así cales son as respostas máis axeitadas e os erros que se soen cometer, tendo en conta que moitas veces a boa vontade nos cega á hora de desenvolver unha intervención que sexa eficaz, sosegada e acorde cos recursos dispoñibles”.

No marco do proxecto Justisigns2

O proxecto Justisigns2 centra o seu traballo en, dunha banda, mulleres vítimas de violencia de xénero, tanto xordas e xordocegas, como inmigrantes e refuxiadas, que non falan a lingua ou linguas do país no que se atopan, e doutra banda, intérpretes, profesionais da xustiza e outros axentes sociais que desenvolven o seu labor coas primeiras. O consorcio de persoas expertas de España, Irlanda, Bélxica e Reino Unido que integra este proxecto Eramus+, baixo a coordinación de Intersource Group, céntrase en mellorar as interaccións destas vítimas con diferentes axentes que traballan con elas. Por parte da Universidade de Vigo participan no proxecto o persoal docente e investigador Maribel del Pozo, Maruxa Cabeza, Silvia Pérez e David Casado e a estudante de doutoramento Iria Seijas. Na iniciativa, que comezou a finais do ano 2019, tamén participan a Heriot Watt University de Escocia, o Trinity College de Dublín, a HfH (University of Teacher Education in Special Needs) de Suiza, o Dublin Rape Crisis Center e a An Garda Síochána (Ireland’s National Police and Security Service).

Os obxectivos do proxecto, financiado con preto de 400.000 euros polo programa Erasmus+, son acadar unha maior equidade para as vítimas de violencia de xénero en situación de vulnerabilidade, nomeadamente persoas xordas e xordocegas, así como inmigrantes e refuxiadas; coñecer as principais dificultades no contexto da comunicación detectadas por intérpretes, profesionais da xustiza e outros axentes sociais que traballan coas devanditas vítimas; e dotar a estes colectivos profesionais que traballan con vítimas de violencia de xénero de formación adecuada ás necesidades detectadas. Os seus resultados serán aplicados aos países participantes na iniciativa. O obradoiro celebrado este mércores e o que se celebra este xoves en Vigo dan continuidade ao traballo do grupo da UVigo neste proxecto, que rematará a finais de ano. Concretamente, a actividade enmárcase dentro das tarefas de difusión de Justisigns2 unha vez realizado o groso da investigación proposta.