DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolveuse durante o mes de marzo na Aula da Natureza de Oira

Un obradoiro afonda na natureza como fonte de aprendizaxe escolar e familiar

As persoas asistentes coñeceron pequenos proxectos para levar a cabo con crianzas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 29/03/2023

Complementando a formación académica, este cuadrimestre son máis dunha decena os obradoiros de extensión universitaria que se celebran no campus de Ourense, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial. Entre as novidades desta programación está un titulado Educación na Natureza. A formación, que vén de rematar a súa actividade, estivo centrada en familiarizar ás persoas participantes con “ferramentas que favorezan a creación de propostas para aplicar no ámbito familiar e escolar no contexto natural que nos rodea no noso día a día”.

Dirixido pola investigadora da Universidade de Vigo María Fraga, o obradoiro tivo unha duración de 30 horas, en modalidade mixta presencial e virtual, que se levaron a cabo ao longo deste mes de marzo, principalmente na Aula da Natureza de Oira e a súa contorna, onde se desenvolveron as dinámicas de carácter práctico e para “a busca de material natural e inspiración para as artes plásticas”. A parte virtual realizouse a través do Campus Remoto da UVigo. A equipa docente estivo formada, ademais de pola súa directora, polas coordinadoras e acompañantes do proxecto educativo Nenea, medrar creando Bibiana Marful Castañal, Carmen Fuenteseca Ansede, María Mayorga Martín e Sofía Otero Álvarez. Este grupo, indica María Fraga, “proporcionou unha grande variedade de materiais pedagóxicos e didácticos relacionados coa natureza e con o acompañamento respectuoso da infancia”.

Desde as escolas na natureza aos roteiros sensoriais

Segundo explica María Fraga, a principalmente a cuestión que se tratou de responder neste obradoiro foi se “é posible que a natureza entre na escola e permita crear situacións de aprendizaxe auténtico?”. Respostando a esta cuestión de xeito positivo, a actividade, detalla, achegou ás 14 persoas participantes “pequenos proxectos para levar a cabo coas crianzas tanto no ámbito pedagóxico como no familiar”. Así, en total leváronse a cabo 12 sesións nas que se achegou ás persoas participantes o estado actual das escolas da natureza; o equipamento axeitado para permanecer en benestar na natureza (en calquera período do ano), e modelos de nutrición sostibles e saudables.

Nas sesións, de carácter práctico e aplicado, tamén se traballou aspectos como os proxectos de arte, ciencia e ecoalfabetización empregando elementos naturais e o bosque como laboratorio de observación; o acompañamento respectuoso; os períodos de vinculación; a importancia do xogo libre; a elaboración de xoguetes empregando ferramentas reais adaptadas á infancia e os roteiros sensoriais relacionados cos catro elementos naturais (aire, auga, terra e fogo).