DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofrecido polo Grupo EQ2 da Facultade de Ciencias

Un obradoiro afonda no uso de tecnoloxías sostibles para extraer compostos bioactivos

Céntrase no tratamento de biomasa de orixe agro-alimentario, forestal ou mariño

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
DUVI Ourense 15/03/2022

Entre as novidades da programación de obradoiros de extensión universitaria que organiza este cuadrimestre a Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación Provincial, está o taller Bio4. Biosostibilidade na obtención de biomoléculas en biorrefinería de biomasa. O seu obxectivo é achegar dun xeito práctico ás e aos participantes diferentes tecnoloxías avanzadas de extracción de compostos bioactivos, amosando as vantaxes respecto aos métodos convencionais usando solventes orgánicos.

A iniciativa está coordinada polo persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias María Dolores Torres, Noelia Flórez e Andrés Moure, do Grupo EQ2 Biomasa e Desenvolvemento Sostible da UVigo, co apoio da coordinadora deste grupo, a catedrática Herminia Domínguez. A temática do obradoiro, explican desde a súa organización, “céntrase no uso de tecnoloxías respectuosas co medio ambiente para o tratamento de biomasa de orixe agro-alimentario, forestal ou mariño, dun xeito sostible, empregando auga como único axente extractor e seguindo os conceptos de biorrefinería e economía circular”. As fraccións bioactivas recuperadas son analizadas mediante métodos in vitro de caracterización de antioxidantes.

O obradoiro está pensado para dar “una visión xeral do potencial destas tecnoloxías”, para o que conta con 30 horas distribuídas en sete sesións que se desenvolven desde o 25 de febreiro e ata o 8 de abril en modalidade mixta, tanto presencial como virtual. Nel están inscritas dez persoas, estudantes de mestrado e doutoramento con formación en Enxeñaría Química, Ciencias do Mar, Biotecnoloxía e Enxeñaría Agroalimentaria. A iniciativa, indican as e os seus responsables, enmárcase “dentro da liña principal de investigación do Grupo EQ2, que se basea no aproveitamento de residuos de biomasa vexetal para a obtención de produtos de interese na industria alimentaria, farmacéutica, etc., integrando aspectos de enxeñaría química, química ou ciencia de materiais”.

Teoría e práctica

As dúas primeiras sesións estiveron centradas no potencial da biorrefinería de diferentes tipos de biomasa, para continuar abordando a aplicación en compostos alimentarios e cosméticos. As seguintes sesións centraranse na aplicación práctica de cada unha das novidosas tecnoloxías de estudo, para ver in situ o seu funcionamento. Concretamente, o programa contempla a abordaxe das biorrefinería, do escalamento de procesos para o procesado de biomasa en termos de biorrefinería, da extracción de biomoléculas, dos péptidos bioactivos en alimentos e da aplicación de compostos en cosméticos. As prácticas en laboratorio abordan as técnicas de extracción convencional, por ultrasóns, por autohidrólise e por microondas e a comparativa entres estas diferentes tecnoloxías, ademais da análise de compostos bioactivos.

 “As tecnoloxías de extracción propostas neste obradoiro, nas que o noso grupo de investigación ten unha ampla experiencia, permiten un aforro de tempo, recursos e enerxía respecto aos métodos convencionais onde longos procedementos coa utilización de disolventes orgánicos son empregados”, comentan as e os responsables da iniciativa. Para abordar estes temas, a actividade conta coa participación de docentes de ámbito estatal (Universidade de Jaén e Universidade de Vigo) e internacional (Universidade Auckland e Universidade de Coauhila).