DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido polo doutor Gustavo de Teresa

Un obradoiro amosa aos estudantes as posibilidades da alimentación como ferramenta de transformación persoal e social

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 14/04/2010
Afirma o médico Gustavo de Teresa que unha sociedade madura non pode esperar catro anos para que a súa opinión teña repercusión no sistema (a través do voto democrático) senón que, moi ao contrario, debe estimular que os seus cidadáns tomen decisións cada día. Se hai algo que facemos entre dúas e seis veces ao día é comer, de aí que o experto asegure que cada decisión relacionada coa alimentación –que é, onde compro, que decido comer e que decido evitar, por exemplo-, “é un voto democrático a favor ou non dunhas ou doutras tendencias”. Por todo isto refírese á alimentación como “unha das principais ferramentas de transformación persoal e social porque, a través dela, votamos seis veces ao día” .
Gustavo de Teresa imparte estes días no campus un obradoiro sobre a importancia de recuperar a responsabilidade na autoxestión da saúde centrado na alimentación. Matiza o relator que esa recuperación non significa que cada quen solucione os seus problemas de saúde por si mesmo e que tampouco se debe politizar o termo. “A esencia da autoxestión da saúde é recuperar a soberanía sobre as nosas decisións e esa recuperación pasa pola toma de conciencia a partir da cal podemos asumir a firme determinación de facer algo”, explica.

Só outro mundo é posible

Gustavo de Teresa dedicou a primeira parte do obradoiro a expor o que está sucedendo na actualidade e as razóns polas que nos atopamos nun punto que definiu como “crítico ou de máxima inestabilidade con ameazas ecolóxicas, alimentarias, sanitarias, antropo-sociais e político-económicas”. A segunda parte do curso dedicouna á alimentación e, finalmente, amosou as ferramentas individuais e colectivas das que dispomos para transformar unha sociedade que, na súa opinión, “non pode seguir pola senda que actualmente camiña. Non é que outro mundo sexa posible, senón que só outro mundo é posible”. Afirma o relator que o mundo no que vivimos “non é sostible, solidario, xusto nin ético” e que nas nosas mans está transformalo.
A industria alimentaria, ou máis concretamente o Complexo Industrial Alimentario (C.I.A.) centrou unha boa parte do obradoiro. “Cinco ou seis grandes empresas monopolizan o mercado internacional de alimentos e, casualmente, son as mesmas transnacionais que conseguen que incluso as lexislacións máis rigorosas permitan a existencia do chamado secreto comercial, a trampa no etiquetado dos alimentos e a presenza no mercado de miles de toxinas alimentarias non controladas, entre outras os alimentos modificados xenéticamente ou transxénicos. Son as mesmas tamén que lideran a política da biopiratería e do asalto aos recursos naturais do planeta”, asegura.

Cando a alimentación é unha ameaza

Asegura o relator que a nosa alimentación non cumpre os requisitos mínimos de calidade e que pasou de ser equilibrada a deixar de selo “para converterse nunha verdadeira ameaza”. O empobrecemento dos alimentos “relacionado coas prácticas intensivas de agricultura e gandería”, a presenza de toxinas “liderada por un Complexo Industrial Alimentario que busca o máximo beneficio ao menor prezo posible” e a oligarquía de mercado que se está a consolidar son, na súa opinión, os grandes problemas da nosa alimentación.