DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O músico Bosco Gil imparte 'Palabras máxicas: a vida secreta da canción de amor'

Un obradoiro para descubrir a maxia, a verdade e o encanto misterioso e inefable da canción de amor

Dentro da programación da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
María Álvarez DUVI 11/11/2021

O interese pola música, nomeadamente pola canción de amor, e por sentila en primeira persoa son o catalizador do éxito que está a acadar o obradoiro dirixido por Susana Rodríguez Barcia, profesora do Departamento de Lingua Española, e impartido polo músico Bosco Gil de Gárate, Palabras máxicas: a vida secreta da canción de amor. No curso, que forma parte da programación de obradoiros do primeiro cuadrimestre que organiza a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria se pretende que os e as participantes se “acheguen a esa entidade máxica que é a música de amor e descubrir esa vida secreta en nós, dende nós mesmos”, explica Gil de Gárate. Partindo desta idea, as clases teñen como obxectivo que o alumnado,14 persoas que esgotaron as prazas ás poucas horas de abrirse a matrícula, faga unha introspección e, dende aí, entender e analizar as diferentes pezas musicais que se lles presentan na aula.

As vivencias persoais como punto de partida nas análises

Para Gil de Gárate “o amor é un concepto tan xenérico, e ao mesmo tempo, tan individual” que nas análises que realizan os alumnos e as alumnas “detéctase unha polaridade tremenda, que, obviamente, está asociada á experiencia persoal de cada un”. De feito, “a temática é tan universal e humana” que favorece a que as e os asistentes ao do obradoiro teñan un perfil moi heteroxéneo, pois o “alumnado ten idades que oscilan entre os 26 e os 73 anos” e, ademais, todos, pertencen a ámbitos moi diferentes coma o son “o da tecnoloxía, a educación, os medios ou a administración”.

O concepto de amor na música como eixo central do obradoiro, fai que o alumnado, explica o docente, se implique máis no obradoiro contando vivencias persoais coas que explicar o seu punto de vista ou interpretación e, deste xeito, tentar atopar entre todos “puntos en común na lírica dos diferentes xéneros musicais”. De feito, no grupo, como afirma Bosco Gil, “xa hai unha relación de amizade, creouse unha contorna familiar”, a pesar de que tan só leven cursada a metade do obradoiro.

O amor na historia da música

Ao longo dos anos, a noción de amor mudou moito, e como di Gil de Gárate, “na música, se nos cinguimos aos últimos 100 anos de historia, o final da década de 1960 rompeu con todos os esquemas preestablecidos. O seu conflito, a súa exaltación da liberdade, da experimentación e, sobre todo, o feitizo das súas cancións cambiaron o panorama ao que estabamos afeitos coma oíntes”, explica o músico.

O músico considera ademais que nas cancións de amor hai algo inherente a todas as épocas: “o receo cara elas” e opina que estas “adoitan ser infravaloradas cando estamos en público, pero que, despois, na nosa intimidade, atravésannos, revólvennos e emociónannos”. Así mesmo, o profesor sinala que non hai un prototipo establecido de cancións de amor, xa que, nas súas verbas “é unha experiencia absolutamente persoal”. Non obstante, baixo o seu punto de vista, toda canción que se adscriba ao amor como concepto ten que ter “maxia, verdade e un encanto misterioso e inefable”.

Descubrir ‘a vida secreta’ dende nós mesmos

A estrutura de cada unha das sesións do obradoiro combina breves exposicións de historia, análises da canción de amor con interpretacións en directo e prácticas compositivas realizadas coa colaboración de todo o grupo. Nas clases, por exemplo, afóndase en ideas como que “a grandes trazos, o bolero recréase máis nas experiencias eróticas e no anhelo, o blues na perda e no desengano e o rock and roll nas sensacións e na exaltación xuvenil”. Así mesmo, Bosco Gil de Gárate fai fincapé en que estas observacións e debates que se manteñen nas aulas teñen o obxectivo de que esa ‘vida secreta’ que se atopa detrás das historias de amor “sexa descuberta dende nós mesmos e dende as nosas vivencias”.

De feito, os prototipos de cancións de amor, varían moito segundo a nosa experiencia vital, mais segundo o punto de vista do músico, algunhas das mellores cancións de amor son The look you gave de Grace Cummings, Lilac Wine de Nina Simone e I’ll be your mirror de The Velvet Underground & Nico. Non obstante, e como proba desta subxectividade da que fala, entre as preferencias do alumnado, ata o momento, sobresaen artistas de xéneros tan dispares coma Billie Holiday, Leonard Cohen e The Beatles.