DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolle un curso centrado no motor gráfico Unity

Un obradoiro familiariza ao alumnado coa contorna de desenvolvemento dos videoxogos

Dentro da oferta de talleres da Vicerreitoría para este cuadrimestre

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • TIC
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/09/2018

O pasado curso, o grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte) puxo en marcha co alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación unha experiencia de aprendizaxe, pola que, como exercicio académico, estudantes destes dous centros traballaron conxuntamente no deseño da primeira fase dun videoxogo inspirado no libro A viaxe do elefante de José Saramago. Esa experiencia de traballo multidisciplinar é precisamente o xerme dun dos talleres inseridos na programación de obradoiros que a Vicerreitoría do campus impulsou para este primeiro cuadrimestre, Uso de motores gráficos-Unity, centrado en familiarizar a alumnado sen coñecementos de programación coas contornas de traballo nas que se desenvolven proxectos como os videoxogos.

Concretamente, este curso de 30 horas, dirixido pola profesora de CCSS e da Comunicación Beatriz Legerén e impartido polos docentes Antonio Pena e Luis Fernández, céntrase no software Unity, un motor gráfico que “serve entre outras moitas cousas para desenvolver videoxogos”, como explica Legerén, que incide en que o obxectivo do curso é que “xente que non é programadora saiba como funciona este motor e como se organizan os contidos”. Nese mesmo senso, Antonio Pena, profesor da EE de Telecomunicación e responsable de abordar nas primeiras sesións do taller unha introdución ao funcionamento dos motores gráficos, explica que estes son un tipo de software que “permite traballar a xentes diversas”, como persoas procedentes do ámbito da Comunicación Audiovisual ou das Belas Artes, de tal xeito que sustentándose no traballo de programadores, outros perfís poidan modificar diferentes variables ou parámetros do xogo. “A idea é dar unha formación básica para logo poder usar o motor gráfico e axustar as cousas que o programador vai preparar”, engade. 

Un achegamento a como funciona a industria

Pensado especialmente para o alumnado de Comunicación Audiovisual que cursa a materia de videoxogos, o obradoiro busca nese senso incidir nesa idea de traballo multidisciplinar que, como lembra Legerén, define a esta industria. “Nas empresas de desenvolvemento de videoxogos, como en moitas outras empresas tecnolóxicas que teñen relación coa comunicación, hoxe en día os perfís son completamente multidisciplinares, polo que, que mellor que comezar a traballar xa desde a Universidade con eses perfís?”, salienta a coordinadora deste taller, que incide en que esa combinación de diferentes perfís fai preciso “entender un pouco como traballan e como pensan os outros”.

A modificación dos parámetros das mecánicas de xogo, a inserción de assets (recursos gráficos) e animacións ou a xeración e inserción de elementos propios son algúns dos aspectos a abordar nas diferentes sesións dun curso que se desenvolve ao longo deste mes de setembro e no que, tralas sesións introdutorias, a formación corre a cargo de Luis Fernández. “Digamos que hai un formato de traballo, unha forma de crear determinados contidos para poder integralos nun motor gráfico e iso é o que se intenta comunicar no curso para que todo o que se faga funcione”, apunta este profesor de CCSS e da Comunicación dun taller que, como engade Pena, busca achegar esas nocións do funcionamento dese “nexo común” entre os diferentes perfís que traballan nun videoxogo, que aínda que está centrado no caso concreto de Unity, aborda “moitos conceptos que son transversais”, e que serven tamén polo tanto para entender o funcionamento doutros motores gráficos.  


Obradoiros de radio, impresión 3D ou escalada, abertos á cidadanía

O taller que ata finais de mes se desenvolve na Facultade de CCSS e da Comunicación é unha das nove propostas inseridas na oferta de obradoiros de Extensión Cultural impulsados pola Vicerreitoría do campus para este primeiro cuadrimestre. Unha oferta aberta ao conxunto da cidadanía que nalgún dos casos, aínda mantén aberta a súa inscrición. Iso é o que acontece, por exemplo, cunha nova edición do taller de Iniciación á creación dun programa de radio, que a partires do 24 de setembro imparten José Jardón e Jorge Gómez, directores do programa radiofónico Radio Escaparate que se realiza na Facultade de CCSS e da Comunicación. 

Neste mes de setembro arrincará tamén, xa con todas as súas prazas cubertas, o curso de Introdución á danza e baile tradicional galegos, mentres que para outubro están programados talleres Desenvolver aplicacións con arduino, que dará comezo o 1 de outubro na EE Forestal,  e Iniciación á impresión 3D con materiais innovadores, un taller dirixido a iniciar ao alumnado nos diferentes tipos de materiais e software libre existente para a impresión tridimensional. Por outra banda, a Facultade de Belas Artes acollerá, a partires do 18 de outubro, unha nova edición de Cerámica agora, un curso de introdución á creación no ámbito da cerámica contemporánea; mentres que Ciencias da Educación e do Deporte albergará, entre o 19 de outubro e o 23 de novembro, a terceira edición do curso Iniciación á escalada en rocódromo, que tamén mantén aberta a súa inscrición e que, baixo a coordinación dos profesores Águeda Gutiérrez e Diego Alonso, será impartido polos técnicos en escalada Juan José Domínguez e David Pérez Araújo.