DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As series constitúen o eixo central dun curso que se desenvolve en CCSS e da Comunicación

Un obradoiro para mergullarse nos “subtextos” da ficción televisiva

A través da análise de diferentes producións, propón unha análise das series como un “espello social

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/05/2018

Os contratos sociais a través de House of Cards, a ollada á historia que supoñen Vikingos ou El Ministerio del Tiempo, as violencias representadas en Sons of Anarchy ou The Walking Dead... As series de televisión constitúen o eixo central do curso Cartografías de ficción televisiva, que, no marco do programa de obradoiros de Extensión Universitaria promovido pola Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre propón nestas semanas un achegamento sistemático á ficción televisiva. “A min paréceme que cada serie ten unha tripla condición, a de ocio, a de negocio e a de coñecemento”, sinala o investigador Xosé Antonio Cascudo, docente principal desta actividade, que desde hai unhas semanas se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, co propósito de poñer o foco nesa terceira condición, “nesa vertente de coñecemento, de amosar o que hai detrás das series, non só o que se fai patente, senón tamén o latente, os subtextos”, sinala este titulado en Comunicación Audiovisual e Historia da Arte, que actualmente está a rematar a súa tese Mad Men e a mística da feminidade no Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social da USC. De 30 horas de duración, este obradoiro dirixido pola profesora Diana Ramahí, ao que asisten tanto estudantes como docentes da facultade, busca promover unha abordaxe sistemática das “especifidades do relato televisivo”, tendo en conta, como engade Cascudo, que se trata dun produto audiovisual “que se aborda de xeito moi tanxencial en carreiras como Comunicación Audiovisual”.

O propósito e falar de series

“A dinámica é falar das series e provocar o máximo debate posible co alumnado”, sinala Cascudo dun taller con 15 matriculados e matriculadas, que arrincou a comezos de marzo con catro sesións de carácter máis cronolóxico, “para dar unha visión global ao alumnado de que a ficción televisiva é unha evolución, que non empezou coa HBO senón que ven xa dos anos 40 e 50, considerados a primeira idade de ouro da televisión”. Tras esta abordaxe histórica, o curso articúlase en cada xornada en torno á abordaxe de diferentes temáticas, da política ou da historia á representación da muller na ficción, a través de diferentes series que serven como exemplo das mesmas, “tanto contemporáneas como clásicas”.

“Hai poucos cursos que analicen a ficción televisiva dun xeito sistemático”, sinala Cascudo da que é a primeira edición dun taller centrado nesa idea da “especifidade do relato televisivo”, na busca “daqueles elementos tanto estéticos coma formais que o diferencian doutro tipo de disciplinas”. Da análise de series que son tamén “un dos elementos constitutivos desa cultura popular da que a televisión é o medio por excelencia” e que funcionan como un “espello social” das diferentes épocas, engade o responsable dun curso que, tras ese percorrido histórico inicial, centra boa parte da análise na “etapa fascinante” que vive este xénero na actualidade, “na que hai unha hibridación total, na que os formatos de internet xa están impregnando toda a ficción televisiva”, da man en boa medida de novas canles de difusión como Netflix. “De feito, xa tivemos un día unha discusión de se as series de Netflix eran televisión ou non”, engade o docente dun taller no que a proxección de pequenos extractos de diferentes producións como punto de partida para o debate verase complementada nas sesións finais pola posta en común dos traballos sobre diferentes aspectos da ficción televisiva realizados polo alumnado.