DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolle un taller de iniciación á creación dun programa de radio

Un obradoiro para perder “o medo ao micrófono”

O curso contou coa participación de diferentes profesionais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/10/2018

Que as e os asistentes “perdan o medo ao micrófono e tamén que perdan o natural medo a escoitar a súa voz” constitúen, segundo sinalan os seus responsables, os dous primeiros obxectivos do Obradoiro de iniciación á creación dun programa de radio que se desenvolve nestas semanas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Inserido no programa de obradoiros, aberto a toda a cidadanía,  que a Vicerreitoría do campus impulsou para este primeiro cuadrimestre e impartido por José Jardón e Jorge García, directores do programa realizado polo alumnado do centro Radio Escaparate, este taller de 30 horas busca achegar ao alumnado a unha serie de ferramentas necesarias para a creación de diferentes contidos radiofónicos, explican, “a través de procesos eminentemente prácticos”.

Así pois, Jardón e García propoñen nas diferentes sesións deste taller unha serie de “exercicios grupais relacionados con distintos xéneros radiofónicos”, nos que, en grupos de tres persoas, alumnas e alumnos poidan achegarse dun xeito práctico á radio informativa, ás entrevistas ou aos faladoiros, pero tamén á radio musical e deportiva. “Isto levará á gravación final dun espazo de radio que conteña un pouco de todo; información, entrevista, un faladoiro, música...”, salienta Jardón do que será o exercicio final da segunda edición dun taller ao que asisten maioritariamente estudantes da propia Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

A experiencia dos profesionais

Ademais dese enfoque práctico que busca a través de diferentes exercicios axudar a perder ese medo ao micrófono, “que pola nosa experiencia é unha das experiencias que máis custa”, este taller propón tamén un achegamento ao día a día nunha emisora a través da participación como convidados e convidadas de diferentes profesionais. Así, os e as participantes neste taller puideron nas últimas semanas intercambiar impresións cos xornalistas Felipe de Luis, Juan de Sola e Susana Pedreira, así como achegarse ao “importante papel que xogan os técnicos nas emisións radiofónicas”, explica Jardón, coa participación de Iván Montáns, quen lles trasladou “unha pequena explicación do funcionamento da mesa”.

Buscando canteira para unha nova tempada

Ademais de para espertar nas e os asistentes o gusto pola radio, García e Jardón agardan tamén que entre as e os asistentes a este taller saian tamén novos integrantes do equipo de estudantes que cada curso se encarga do programa semanal Radio Escaparate. De feito, co propósito de sumar novos membros ao equipo responsable de pór en marcha a que será a quinta tempada deste espazo semanal, a pasada semana tivo lugar un cásting no que, explica Jardón, “buscamos non só locutores e locutoras, senón tamén técnicos audiovisuais, responsables da nosa web e as nosas redes sociais ou persoas con formación en deseño gráfico que logren facer do Escaparate unha experiencia multimedia”.