DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a un taller inserido nun proxecto de innovación docente centrado na Axenda 2030

Un obradoiro permite dar unha “segunda vida” á roupa do alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte

O obxectivo da actividade era concienciar da importancia dun consumo sostible de moda

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 19/04/2022

Alonga a vida da túa roupa era o título do taller que este martes permitiu a preto de 50 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte coñecer diferentes técnicas de costura que fan posible darlle “unha segunda vida” as súas prendas, como explica a profesora Mercedes Varela. Inserido nas actividades do proxecto de innovación educativa Experiencias interdisciplinares no marco da Axenda 2030: recursos para achegar ao profesorado en formación os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, financiado pola facultade, tratouse dun taller impartido pola deseñadora de moda sostible Marta Domínguez Lloria.

Divididos en tres grupos, as e os participantes nesta actividade puideron coñecer técnicas como a elaboración de bordados, que permiten “darlle unha segunda vida a prendas con roturas ou manchas”, explica Varela, buscando así promover “unha redución de consumo e a reorientación cara a compra de produtos téxtiles de calidade”. Nese senso, este taller insírese no traballo de difusión dos ODS que leva a cabo na materia Educación ambiental para o desenvolvemento, do Grao en Educación Primaria, no marco deste proxecto de innovación docente, co que busca afondar “na vinculación entre o cambio climático e un consumo sostible”.