DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inserido nas actividades de Extensión Universitaria do campus, desenvólvese de xeito virtual

Un obradoiro permite iniciarse nas principais ferramentas para a “autofabricación”

Aborda o deseño e impresión 3D, xunto coa electrónica e a programación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 23/03/2021

O deseño e a impresión 3D, xunto coa programación de compoñentes electrónicas, son os eixos do taller Iniciación ás habilidades maker. Deseño, creación, programación, autofabricación e reciclado, que, dentro do programa de obradoiros de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus, busca dotar ao alumnado das nocións e ferramentas necesarias para iniciarse na “autofabricación” de aparellos, así como na programación e adaptación de recursos xa existentes. Coas súas dez prazas cubertas, o taller que imparte o maker Miguel Gesteiro desenvólvese de xeito virtual e busca que as e os participantes poidan adquirir, explica, “habilidades de deseño, programación e fabricación que lles abran novas posibilidades para levar adiante as súas ideas, proxectos ou actividades”.

Estruturado en sete sesións, que se desenvolven de xeito virtual entre febreiro e abril, o obradoiro combina os contidos centrados nas chamadas “habilidades maker” co traballo práctico do alumnado, que irá desenvolvendo dos seus propios proxectos. Deste xeito, sinala Gesteiro, búscase que as e os participantes “poidan ter novas ferramentas e maneiras de abordar a creación de todo tipo de ideas e proxectos”, que poden pasar pola fabricación propia de aparellos, pero tamén por “ser capaces de coller outros proxectos existentes, como os robots educativos galegos mClon ou Escornabot, e facelos seus, creando as súas propias versións, modificándoos, adaptándoos ou inventando dende cero”. 

Perder o medo aos aparellos

Coas súas dez prazas cubertas por alumnado das catro provincias galegas, entre os que figuran tanto estudantes universitarios como profesionais de diferentes eidos, o obradoiro arrancou a finais de febreiro cunha sesión dirixida a “entender como é un aparello”, abordando as súas compoñentes e funcionamento e tratando tamén de que as e os participantes “perdan o medo aos aparellos electrónicos” e se atrevan a “abrilos, reparalos ou modificalos”. 

En segundo lugar o taller centrouse no deseño de pezas en 3D, para logo abordar tamén a súa impresión, parte na que, recoñece Gesteiro, “máis se botan en falta” as sesións presenciais inicialmente previstas. O deseño e programación das compoñentes electrónicas constitúe o seguinte punto no que se deterá este taller, no que as e os estudantes traballan con microcrontroladores Arduino. Con ese obxectivo de aprender facendo, búscase que poidan pór en práctica esa serie de “habilidades maker” nos seus propios proxectos. “A idea é que fagan, creen ou modifiquen algo”, salienta Gesteiro, que destaca que máis do 50% das horas do obradoiro céntranse en promover ese traballo propio. “Cada un explorará o seu camiño”, salienta o responsable deste taller, que explica que o seu obxectivo e “axudarlles co primeiro paso, para que logo, cada un, en función do que pretenda facer, construír ou crear vaia demandando o que precisa e adquirindo sobre a marcha as habilidades necesarias de forma individual”.

Do ‘manitas’ ao ‘maker’

Nese senso, o responsable do taller pon de relevo que o obxectivo é que as e os asistentes adquiran unhas “nocións básicas” que logo lles permitan ser “independentes, incluso na súa propia aprendizaxe”, achegándoos nese senso á cultura do ‘faino ti mesmo’ que diferentes ferramentas tecnolóxicas fixeron nos últimos tempos “máis accesible ca nunca”. Nese senso, lembra que “as habilidades maker son unha actualización das capacidades de facer cousas que tiñan os que no pasado chamábamos manitas”, nun contexto no que “todo leva electrónica e programación” e no que “podemos imprimir en vez de ter que serrar ou lixar”. 

Por outra banda, Gesteiro achega tamén ao alumnado diferentes exemplos prácticos, entre os que se atopan proxectos desenvolvidos por el mesmo, como Mana16 ou CV19-Shield. Este último, de feito, foi un dos exemplos cos que o docente se achegou a como o “mundo maker” contribuíu nos primeiros meses da pandemia á fabricación “de “ferramentas, útiles e incluso produtos que mitigaron a súbita demanda de todo tipo de solucións, como por exemplo as pantallas protectoras para o persoal médico”.