DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle un curso de iniciación ás diferentes técnicas de traballo con este material

Un obradoiro pon o foco no carácter sostible da cerámica

Inserido na programación de Extensión Universitaria da Vicerreitoría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Medio Ambiente
  • Académica
DUVI Pontevedra 05/04/2022

Sustentada nun material como a arxila, a cerámica pode constituír unha alternativa para reducir o uso do plástico na produción de utensilios de uso cotián. Esta é unha das ideas que busca trasladar ao alumnado o taller de iniciación á cerámica que nestas semanas se desenvolve na Facultade de Belas Artes. Inserido no programa de obradoiros impulsado pola Vicerreitoría do campus para este segundo cuadrimestre, trátase dunha actividade dirixida a iniciar ao alumnado nas principais técnicas de construción e decoración en cerámica, que á súa vez súmase ao movemento More Clay Less Plastic, impulsado por un grupo de ceramistas coa idea de promover a redución do uso do plástico relacionado co consumo de alimentos.

Dirixido pola profesora da facultade Chelo Matesanz, responsable de impartilo xunto coa titulada en Belas Artes e artesá ceramista Teresa Pece, trátase dun taller de carácter eminentemente práctico, que busca dar resposta á demanda de formación nestas técnicas do alumnado da facultade. “A cerámica non está contemplada como materia na titulación de grao, pero si existe un desexo moi xeneralizado de experimentar con este material e as súas técnicas”, salientan as responsables deste obradoiro, que cubriu no primeiro día de inscrición as súas 13 prazas, principalmente con alumnado e egresados deste centro. 

Dos primeiros exercicios aos proxectos persoais

Como explica Pece, este taller de 30 horas ten un carácter “eminentemente práctico”, aínda que tamén se abordan unha serie de nocións teóricas “sobre aspectos elementais do uso deste material”, como as “características específicas de cada tipo de barro, as temperaturas de cocción e os resultados”, á vez que se achega ás e aos asistentes información sobre proxectos artísticos sustentados no uso deste material.

Cunha ampla formación específica no traballo con cerámica, Pece encárgase da “parte técnica” deste taller no que, como explica, o alumnado “parte desde cero”. O seu obxectivo “é ofrecer uns coñecementos básicos sobre técnicas de construción”, como o belisco, os churros ou as placas, así como de coloreado e decoración, para que, a partires de aí, o alumnado poida realizar “un traballo máis personalizado”, co seguimento e orientación das docentes. Así, o taller dedicou as súas primeiras sesións na realización de exercicios prácticos guiados, centrados nas principais técnicas de construción de pezas. “A idea é que experimenten co máis básico, que vaian fixándose as técnicas esenciais para que despois o alumnado poida continuar investigando e experimentando de forma autónoma”, sinala Pece. A partir de aí, Matesanz centrou unha das sesións na cerámica contemporánea e en amosar diferentes proxectos artísticos baseados neste material, o que á súa vez serviu punto de partida para que cada estudante formulase o proxecto persoal que desenvolve nestes días como exercicio nas últimas sesións do taller, que abranguen desde a “primeira cocción” das pezas ao proceso de decoración final con pigmentos e vidriados.

Un material que vén da terra e volve a terra

Este proceso de aprendizaxe combínase cunha reflexión sobre a sostibilidade da cerámica e a necesidade de reducir o uso dos plásticos. “Neste obradoiro sumámonos ao movemento More Clay Less Plastic e por iso propomos retomar a cerámica, a sostibilidade, e tamén os procesos manuais na produción artística”, sinala Pece. A través do coloquio, búscase promover unha “reflexión sobre o consumo responsable, o respecto á natureza e ao medio ambiente” e o “significado do barro, a terra e a auga coa que se construíron as civilizacións”, engade . “O barro cando se recicla volve ser terra”, subliña esta ceramista, que incide neste obradoiro na necesidade de “repensar os utensilios cotiáns”, convidando ao alumnado a realizar algunha peza de uso doméstico, ademais dos seus proxectos artísticos.