DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria

Un obradoiro práctico para descubrir a natureza poética do rock

O músico Bosco Gil é o encargado de impartir as sesións, que se estenderán ata o 16 de decembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Rebeca López Villar DUVI 27/11/2020

Despois de meses de pandemia, peches, adiamentos e cancelacións, o sector cultural vive un momento crítico, sobre todo no tocante aos eventos en directo. Neste contexto nacen iniciativas valentes e innovadoras, como o taller sobre a poética do rock dirixido por Susana Rodríguez Barcia, profesora do Departamento de Lingua Española, e o músico Bosco Gil de Gárate. 

A Escola Universitaria de Estudos Empresariais acolle entre o 4 de novembro e o 16 de decembro este obradoiro de Extensión Universitaria, o segundo impulsado por Rodríguez e Gil, que xa organizaran en 2019 o titulado De Dylan a Siniestro Total. Ideoloxía e música no século XX

O curso amosa vínculos entre o discurso literario e a música rock, folk e pop e xorde das inquedanzas do compositor, que botaba en falta un espazo dedicado a esta temática dentro da oferta académica, sobre todo “tendo en conta o recoñecemento internacional co que contan ambas expresións artísticas, música e poesía”. Así mesmo, o taller afonda na dilución das fronteiras entre os xéneros, cuestión xeneralizada en todos os ámbitos artísticos. 

O machismo, tamén presente na música

O obxectivo fundamental de Poética do rock é comprender o elemento lírico das cancións, revisando, segundo o seu director, “o contexto histórico e a vida dos diferentes creadores” e escoitando, lendo e valorando cada tema musical, “maioritariamente con interpretacións en directo dos mesmos”. Este carácter práctico é un dos puntos que máis agradecen os asistentes que, ademais de participar en actividades de escritura creativa e elaboración musical guiada, teñen a opción de escoller as cancións que desexan analizar. 

Bosco Gil sinala que no seu afán por ofrecer unha visión histórica da evolución destas temáticas atopou un obstáculo, “o machismo, que é un feito na historia de calquera disciplina e, como non, tamén afecta á música e a poesía”. Coa selección dos artistas presentes no programa tentan rescatar do esquecemento a autoras cunha obra menos recoñecida no seu tempo e inclúen o nome de pioneiras ou mulleres que tiveron un grande impacto na música (Sister Rosetta Tharpe, Wanda Jackson, Odetta, Grace Slick ou Joan Baez) e, afirma que, por exemplo, “nas avaliacións do alumnado, Joni Mitchell está entre as mellor valoradas, moi por enriba da maioría de artistas masculinos de calquera época”.

Nunha das clases, titulada Poesía maldita, sobresae o nome de Patti Smith, definida por Gil como “icona indiscutible da poética do rock” e sen a cal, asegura, o curso non tería sentido. The Beatles, Jim Morrison, Lou Reed, Kurt Cobain, Bob Dylan ou Leonard Cohen son, ademais de Smith, outros dos referentes musicais presentes no programa, elixidos pola súa relevancia histórica, musical e poética. 

A cultura como ferramenta para afastar o coronavirus 

A organización resalta a boa acollida dunha edición na que, pese aos protocolos derivados da pandemia, está cuberta a totalidade de prazas ofertadas. Gil subliña que “esa diversidade está a enriquecer moito as sesións”, pois entre as asistentes hai profesorado, estudantes tanto de grao como do Programa para Maiores e persoas alleas á Universidade. 

Este ano, o músico describe o taller como “un espazo terapéutico de desconexión do espectro social e informativo do coronavirus” e unha oportunidade para manter o contacto co mundo artístico ata que volvan os eventos musicais en vivo. Así mesmo, destaca que o alumnado desta edición, entre o que existen persoas que xa foran á anterior, é moi participativo e que hai “quen ameaza con apuntarse novamente no futuro”.  

Despois de catro sesións, Gil recalca a creatividade e implicación dos asistentes. As seguintes tres xornadas continuarán de xeito presencial, pois os directores non querían “perder a maxia” e decidiron “deixar a opción de celebrar parte das horas presenciais a través do Campus Remoto como alternativa en caso de confinamento”. 

O contexto galego contemporáneo no horizonte

Tendo en conta o interesante panorama poético e musical en Galicia, Susana Rodríguez e Bosco Gil non descartan a posibilidade de deseñar un obradoiro centrado na comunidade autónoma, que xa é protagonista dunha das clases deste ano, na que se falará de poetas como Nuria Vil. 

O profesor de Poética do rock cre que “merece a pena reivindicar o traballo de artistas como Su Garrido Pombo, Thomas Dylan & Balea ou Caldo, que demostran que hai un universo poético na música galega moi potente”. De feito, Gil opina que “máis que como opción de futuro, o curso centrado en Galicia tería que estar consolidado hai tempo”.