DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus organiza o vindeiro mércores un taller sobre estas substancias

Un obradoiro valerase da ciencia para combater o consumo de cannabis e tabaco

Gratuíto e coordinado polo profesor Manuel Isorna, conta con 30 prazas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 03/05/2019

Segundo o último informe sobre alcol, tabaco e drogas ilegais en España publicado polo Plan Nacional sobre Drogas, en 2016 preto de 170.000 mozos e mozas de entre 14 e 18 anos iniciáronse no consumo de cannabis e máis de 180.000 fumaron tabaco por primeira vez, dúas cifras superiores, en preto de 24.000 e 47.000 persoas, respectivamente, ás relativas ao ano 2014. Cifras que poñen de relevo “que estamos a falar dun problema de saúde pública”, como salienta o profesor do Departamento de Análise de Intervención Socioeducativa da Universidade e técnico en prevención das drogodependencias Manuel Isorna, responsable do obradoiro Prevención de cannabis e tabaco baseada na evidencia científica que a Vicerreitoría do campus promove no marco do Campus Crea. Aberto a un máximo de 30 persoas, o taller, que pretende “dar información científica e rigorosa sobre o cannabis”, desenvolverase o vindeiro mércores en horario de 16.30 a 20.30 horas na sede da Vicerreitoría.

Coordinado por Isorna, o tamén docente da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense José María Faílde, e Guillermo Santos, da Área de Benestar, Saúde e Deporte, este taller gratuíto cubrirá as súas prazas por orde de inscrición, que debe realizarse enviando un correo electrónico a isorna.catoira@uvigo.es, no que as persoas interesadas deben achegar o seu nome completo e DNI. 

Datos fronte a falsas crenzas

“Por un lado, un dos obxectivos do obradoiro é desmitificar todo o relacionado co consumo de cannabis, romper esa crenza de que hai un consumo recreativo, porque todo consumo ten un risco”, salienta Isorna dun taller que nese senso, achegará aos e ás asistentes “información científica e rigorosa” sobre esta droga, abordando desde a súa composición e obtención “ás repercusións que ten tanto a nivel cardiovascular e respiratorio como de trastornos mentais”.

“Moitos universitarios cren que consumir cannabis é inocuo”, lamenta este experto, presidente do comité organizador do Congreso internacional sobre o cannabis e o seus derivados, que en novembro celebrará en Catoira a súa segunda edición, e que neste taller abordará así mesmo os datos epidemiolóxicos e os efectos para a saúde que implica o tabaquismo, “responsable de 52.000 mortes ao ano en España”, vinculándoo á súa vez ao propio consumo de haxix ou marihuana. “No 89% dos casos, o cannabis consúmese mesturado con tabaco”, apunta Isorna, quen alerta da “sinerxía moi negativa” que supón a combinación destas dúas substancias.

Da información aos exemplos prácticos

Ao longo das catro horas do taller, os seus responsables irán combinando a achega de datos sobre os efectos para a saúde destas dúas substancias cunha serie de “experimentos” para que as e os asistentes poidan ver, dunha forma directa, as repercusións que ten o consumo de tabaco, con propostas como deixar consumir un cigarro nunha botella cun anaco de algodón no seu interior “para que vexan a cantidade de alcatrán que deixa”.

A través desta combinación, o obradoiro busca acadar un segundo obxectivo, “formar a universitarios que logo van estar en contacto con outros mozos e mozas, para que sirvan de mediadores e leven ese coñecemento á sociedade en xeral”, sinala Isorna. Impartido o pasado curso no campus de Ourense, este taller insírese así mesmo nas actividades do grupo de traballo para o estudo e abordaxe de políticas de control do policonsumo de cannabis e tabaco Évict, un proxecto financiado polo Plan Nacional sobre Drogas e impulsado polo Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo.