DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da Vicerreitoría de campus

Obradoiros de música, teatro, comunicación e saúde para o segundo cuadrimestre

O prazo de matrícula remata o próximo 7 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 25/02/2008

Música, teatro, cinema e comunicación. Estes son algúns dos ámbitos que abarcan os obradoiros que a Vicerreitoría de campus presenta para este cuadrimestre. Posta en escena dunha montaxe teatral e Efectos especiais de maquillaxe e modelado, dunha banda, e de cine e televisión, da outra, son os cursos pensados para aqueles que desexen desenvolver as súas capacidades artísticas ligadas ao mundo da produción audiovisual, xa que se lles proporcionarán as nocións básicas para a creación de efectos especiais, así como para ler un texto teatral e encarnar ao personaxe. Ao mesmo tempo, os interesados en aproximarse a este terreo dende un punto de vista teórico teñen á súa disposición o obradoiro que, baixo o título Cinema documental, trata de dilucidar as diverxencias e similitudes entre os modelos audiovisuais históricos, centrándose na diferenza entre ficción e non ficción.
Por outro lado, a música ten unha importante presenza da man dos obradoiros de Sonorización e gravación musical e Djembé, nos que os participantes terán a oportunidade de traballar con diferentes instrumentos acústicos e eléctricos.
En representación do ámbito da saúde e o benestar, profesionais do COGAMI, Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, serán os monitores dun curso que pretende dar a coñecer as características sociais, culturais, técnicas e humanas das persoas con discapacidade física. O obxectivo de lograr unha axeitada integración e normalización na sociedade.
Por último, os seminarios Intelixencia emocional e Adestrando as habilidades de comunicación, tratarán de desenvolver, dun lado, as habilidades para facilitar cambios de conduta e afrontar situacións novas, e doutro, proporcionar pautas para saber conducir as situacións de conflito que se crean na vida diaria e profesional.

Formalización da matrícula

O 7 de marzo é a data prevista para o remate da formalización da matrícula en calquera dos obradoiros, que teñen un prezo de 40 euros para o público xeral, e hai un desconto do 50% para os alumnos bolseiros da Universidade e do 25% para os membros da comunidade universitaria.