DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pecharase o carril de subida entre as rotondas da bola e a de Deportes de 9.30 a 18.30 

Obras de asfaltado pecharán o vindeiro luns un tramo da circunvalación do campus 

En próximos días tamén se pintará a circunvalación e arranxaranse as fochancas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 17/11/2021

O luns 22 de novembro, entre as 9.30 e as 18.30 horas, o carril de subida da circunvalación do campus de Vigo, no tramo comprendido entre as rotondas da bola e a de Deportes, permanecerá pechado ao tráfico por mor da realización de obras de asfaltado. A alternativa para as e os condutores que teñan que circular polo tramo pechado será ir pola circunvalación, ou ben, dirixiríndose cara á Facultade de Filoloxía e Tradución e atravesando o campus polas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo, as escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía, etc. Pola súa banda, o carril de baixada estará aberto ao tráfico.

“Unicamente se vai asfaltar o tramo de subida por que é o que está deteriorado. O pavimento asfáltico sofre máis nas costas arriba porque os vehículos fan máis tracción”, explica Héctor Álvarez, director técnico da Unidade Técnica da UVigo, que confirma que esta é a única zona que se vai asfaltar completamente, fresando o pavimento actual, “pero tamén se van arranxar de xeito puntual diversas fochancas de todo o campus ,que non requiren dunha obra tan complexa”. Este asfaltado, que se insire nos traballos de mantemento de infraestruturas que realiza a Universidade de Vigo, decidiu acometerse este ano “porque esta era a zona máis deteriorada da circunvalación do campus, que é a vía con máis tránsito”, confirma Héctor Álvarez. A obra, pagada integramente pola UVigo, ten un custo de 35.000 euros.

Pintado da circunvalación e arranxo de fochancas

Logo da realización o vindeiro luns 22 das obras do asfaltado no carril de subida da circunvación, entre as rotondas de a bola e a de Deportes, en próximos días acometerase o pintado da circunvalación, e aínda que non hai data exacta para o inicio destes traballos, esta obra non implicará cortes de tráfico totais como no caso do asfaltado. Así mesmo, como apunta o director técnico da Unidade Técnica da UVigo “non hai previsión de facer máis asfaltados en breve, aínda que si xorde algunha fochanca puntual arranxarase”.