DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Da man da AECT Rio Minho e coa colaboración de investigadores da Universidade de Vigo

O Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas bota a andar con 400 indicadores de 26 concellos do territorio miñoto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/04/2022

O val transfronteirizo do Miño está situado no eixo Vigo-Porto e ten unha extensión de 3312 km2 e unha poboación de 376.000 habitantes, sendo a fronteira ibérica máis poboada e a máis transitada e concentrando o 47% do tránsito medio de vehículos entre ambos estados. Porén, salvo algúns estudos puntuais, non existían indicadores socio-económicos válidos para ambos lados da fronteira. Este é o baleiro que pretende encher o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño, AECT Rio Minho, coa posta en marcha do Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas (ODT). Esta iniciativa innovadora foi presentada en sociedade este martes a alcaldes e representantes dos concellos implicados. O obxectivo é achegar a empresas e administracións información socioeconómica do territorio galego e portugués de maneira conxunta para poñer en marcha iniciativas “de éxito”  tanto de políticas públicas como de proxectos privados. 

No deseño e elaboración desta nova ferramenta están implicados investigadores do grupo de investigación Empresa internacional e capital intelectual, que se veñen encargando de conquerir a información económica que se inclúe na plataforma, entre eles Xabier Martínez Cobas e Carlos Fernández-Jardón, en colaboración co Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

Precisamente Martínez Cobas é o coordinador científico do observatorio e explica que se trata dun “instrumento de información e documentación, unha análise a nivel municipal, a nivel concello, de todos os territorios que compoñen a AECT Río Miño”. A base de datos, que inclúe 400 indicadores de 26 concellos vai permitir obter información dende 2015 ata a actualidade e irase actualizando de modo que “todos aqueles que necesiten acudir ás bases da realidade actual poidan saber cal é a situación para tomar decisións de toda índole”. Pedro Castro, coordinador tecnolóxico do portal ODT Río Miño, recalca que “moitas veces, as persoas, as institucións, os investigadores e as empresas queren coñecer, por algunha razón, mellor o territorio” e neste observatorio teñen “unha ferramenta dispoñible, un conxunto de datos, de indicadores cunha profundidade que dificilmente se podería conseguir noutras fontes”. Por todo isto, considera que “vai contribuír, a través do coñecemento, ao desenvolvemento do territorio que é transfronteirizo do sur de Galicia e o norte de Portugal”.

O observatorio terá un soporte web que estará ligado á web institucional do AECT na que se envorcarán diferentes datos socioeconómicos do territorio do río Miño transfronterizo. O obxectivo é que sirva para que investigadores, institucións e persoas emprendedoras poidan empregalo como ferramenta de obtención de datos para analizar o territorio e poder facer políticas públicas e privadas. Esta base de datos inclúe información relacionada, por exemplo, coa vivenda, a calidade de vida, a innovación, o tecido empresarial, transporte e mobilidade, emprego, formación, infraestruturas, cultura, turismo ou medio ambiente.

400 indicadores

O Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas (ODT) do río Miño artéllase arredor de 400 indicadores a escala dos 26 concellos que conforman o AECT e comprende tres partes: unha de estatística e datos; outra de documentación socioeconómica sobre o territorio e unha terceira de investigación con informes elaborados a partir dos datos da plataforma. O acceso a todas elas é libre e de balde para calquera persoa e, de feito, Martínez Cobas agarda que o poder acceder a esta inxente cantidade de datos poida xerar “unha masa crítica” para poñer en marcha proxectos de investigación sobre o territorio transfronteirizo, como os estudos xa elaborados, por exemplo, sobre o impacto socioeconómico da covid na raia.

O esquema da exposición informativa baséase en dez campos de interese definidos pola AECT.  En primeiro lugar, preséntase a situación da AECT respecto a Galicia e Portugal en relación ao territorio, poboación e vivenda, é dicir, realizando un percorrido pola potencialidade que ten o territorio e as posibilidades de vivenda que presenta. Tamén se aborda a situación en sanidade e desenvolvemento social, é dicir, os campos que relacionados coa calidade de vida en aspectos sociais do territorio. A seguir inclúese a situación da innovación e do desenvolvemento económico e empresarial, que indica o potencial económico do territorio. En cuarto lugar, abórdanse aspectos relativos ao transporte e mobilidade transfronteiriza, dada a importancia que este apartado ten para o territorio. Tamén se inclúen datos sobre emprego e desemprego, información que está asociada ás condiciones sociais do territorio, combinada coa capacidade de xerar riqueza e mantela ben distribuída. Outro dos campus que se aborda son os aspectos relativos ás infraestruturas e servizos públicos, así como a educación e a formación, que sinalan o capital humano presente ou futuro do territorio. Para completar os epígrafes sociais, dedícase un apartado a falar de cidadanía e cultura. Outro aspecto fundamental no desenvolvemento sustentable do territorio trata sobre o medio ambiente e o desenvolvemento sustentable, polo que se dedica outro apartado a este campo. Finalmente, dada a capacidade de atracción turística do territorio, dedicarase un apartado ao turismo.

As fontes de información para obter estes datos, explica Martínez Cobas, son o Instituto Galego de Estatística e o Instituto Nacional de Estatística de Portugal, “fontes oficiais” que permiten achegar datos reais e obter información cruzada complexa á que, ata agora, non é posible acceder.