DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun informe elaborado polos grupos de investigación GIEEAH e REDE

O Observatorio Eólico de Galicia propón melloras para incrementar os recursos que este sector deixa nos espazos rurais

Estima que o seu impacto en propietarios de terras e concellos foi de 27,86 millóns de euros no 2017

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI 19/12/2019

Un informe, elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), estima que o impacto que tivo a enerxía eólica nos propietarios e concellos no medio rural galego foi de 27,86 millóns de euros no 2017, unha contía achegada a través de alugueres, expropiacións, IBI, IAE, ICIO e Canón Eólico. Isto supón arredor do 5% da facturación total estimada pola venda de enerxía procedente dos parques eólicos. Estas datos forman parte do estudo Impacto económico da enerxía eólica no medio rural galego: Contexto, cambios e oportunidades, elaborado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, GIEEAH, e o grupo REDE (Research Group in Energy, Innovation and Environment).

O texto foi presentado este mércores por representantes da Fundación Juana de Vega, en colaboración coa Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo, as tres entidades impulsoras do Observatorio Eólico de Galicia, como unha ferramenta de investigación, información, asesoramento e consulta para todas as persoas, empresas e colectivos interesados na enerxía eólica de Galicia. De feito, o representante da Fundación Isla Couto e profesor tamén da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas, remarcou a importancia de contar cun organismo independente como o OEGA. Nun contexto como o actual, de transformación histórica das fontes de enerxía, “é necesario poñer en valor e dotar de instrumentos e de información á xente, para que podan participar de maneira máis equilibrada nos procesos de negociación coas empresas eólicas”.

Propostas de cambio na organización do sector eólico en Galicia

O informe está asinado polos investigadores Xavier Simón, María Montero e Damián Copena, e recolle que as compensacións medias que reciben os concellos multiplican por 12 as que reciben os propios propietarios das terras eólicas. Dende o OEG consideran que esas rendas poderían ser superiores sen que iso comprometese o proceso de transición enerxética. O director do observatorio e profesor da Universidade de Vigo, Xavier Simón, explica os dous tipos de medidas que, dende o Observatorio Eólico de Galicia, consideran que mellorarían a situación actual. Por unha banda, apostan porque os impostos con xestión municipal se configuren cos tipos de gravame nos máximos. Tamén defenden o incremento da xustiza distributiva da totalidade do recadado no Canon Eólico, así coma a definición e aposta dun contrato tipo que ampare a tódalas partes e o incremento do nivel de transparencia. 

Entre as modificacións normativas que permitirían continuar co proceso de transición enerxética dando maior participación ao mundo rural e incrementando os fluxos de renda e a distribución da enerxía xerada pola enerxía eólica, o OEGA destaca o fomento de parques eólicos comunitarios, a recuperación da obriga legal de xustificar os motivos polos que non se chega a acordo entre propietarios e promotores e o cambio do deseño do Canon Eólico e do Fondo de Compensación Ambiental. Tamén sería necesaria a recuperación da figura dos parques eólicos singulares, os protocolos de comunicación entre promotores e actores locais ademais de ofertar a participación no capital social das empresas eólicas.

O obxectivo é que este proceso de transición enerxética se realice mellorando a distribución de rendas entre todos os axentes da “cadea de valor” eólica, contribuíndo ao desenvolvemento do espazo rural galego.  

"O petróleo de Galicia”

Foron dous os factores claves que propiciaron o desenvolvemento do sector eólico en Galicia. Por unha banda, a existencia do recurso eólico en moitas áreas de Galicia e, por outra, a vixencia dun marco regulador que favoreceu a posta en marcha das centrais eólicas. “Somos moi conscientes de que a enerxía eólica é o petróleo de Galicia”, afirmaba o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, e por iso defendeu a importancia de regular “quen accede ás enerxías renovables e de que maneira”.

O sistema deseñado para a implantación da enerxía eólica tivo como obxectivo fundamental a colocación do maior número posible de parques eólicos. Sen embargo, desde o punto de vista do Observatorio Eólico de Galicia, non se tiveron suficientemente en conta os impactos económicos no mundo rural. Por unha banda, o marco regulador non lle concedeu aos habitantes da contorna nin aos propietarios dos terreos afectados polas centrais eólicas capacidade de decisión, polo que non puideron exercer un papel na planificación do desenvolvemento eólico nin tiveron capacidade de autoxestionar o recurso do vento. Por outra banda, o marco regulador outorgou ás empresas promotoras dereitos claves que explican o éxito na instalación de parques eólicos. Por exemplo, o dereito de solicitar a declaración de utilidade pública dos parques eólicos en tramitación administrativa coa conseguinte posibilidade da expropiación dos terreos eólicos afectados polas centrais.

Houbo algunhas excepcións, lembran dende o observatorio, da man de algúns concellos que tiveron a oportunidade de desenvolver pequenos parques eólicos, como foi o caso dos denominados parques eólicos singulares. Ademais, desde 2010, os concellos tamén se benefician de novos ingresos vinculados co impacto paisaxístico dos parques eólicos que son recadados por medio do Canon Eólico e repartidos entre os concellos seguindo diversos criterios. Os concellos tamén son os receptores de diversos impostos que recaen sobre os parques eólicos polo que melloran a súa tesouraría e benefician indirectamente ás comunidades rurais.