DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inclúe unha proposta de contrato tipo para o arrendamento dos terreos

O Observatorio Eólico de Galicia publica unha guía práctica para asesorar as comunidades rurais nos procesos negociadores coas empresas

Contén información sobre as rendas que se están a pagar actualmente e a súa fiscalidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
D. Besadío DUVI 19/02/2021

O sector eólico galego conta xa coa súa propia guía práctica, un documento elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia, OEGA, coa colaboración da Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto, no que as comunidades rurais poden atopar un instrumento de grande utilidade para pórse ao día dos aspectos máis relevantes que deben coñecer á hora de afrontar os procesos negociadores coas empresas promotoras, incluíndo unha proposta de contrato tipo para o arrendamento de terreos eólicos no que se incorporan algunhas cláusulas fundamentais para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos.

O traballo foi realizado baixo a dirección do profesor Xavier Simón, responsable do OEGA, e da profesora María Montero, membro do grupo rede e da agrupación estratéxica Ecobas, ambos da Universidade de Vigo, e conta tamén coa participación dos profesores Damián Copena, da Universidade de Oviedo, e David Pérez-Neira, da Universidade de León. A guía actualiza os contidos dunha primeira monografía publicada xa no ano 2010 polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia (GIEEAH) da Universidade de Vigo, liderado por Simón.  “Os cambios normativos experimentados nos últimos anos e os recentes procesos de  relanzamento de parques eólicos coa posta en marcha de novas centrais e coa existencia de moitas outras en procedemento administrativo de autorización, facían necesaria a actualización do seu contido e a publicación dunha nova guía”, explican os docentes na introdución do libro. “O máis importante deste traballo está por chegar... ou iso agardamos: a súa utilidade  para dar resposta a algunha das inquedanzas das comunidades rurais”, subliña Simón.

Ademais da proposta de contrato tipo tamén se adxunta unha proposta de modelo de convenio de colaboración a asinar entre as entidades locais/asociacións/propietarios veciñais e a empresa promotora, coa intención de que esta clase de acordos que benefician ás comunidades rurais sexan unha realidade máis común nos actuais procesos de desenvolvemento eólico. “O que buscamos é fortalecer a posición das comunidades rurais, ofrecendo información relevante para a toma das súas decisións”, recalcan os autores, ao tempo que subliñan que o libro é de acceso libre e gratuíto a través da propia web do observatorio, aínda que tamén se imprimiron, de xeito testemuñal, algunhas copias en papel.

Unha oportunidade para fortalecer as comunidades rurais

Para o Observatorio Eólico de Galicia (Oega), liderado polo grupo Gieeah, a chegada de aeroxeradores ao mundo rural débese entender como unha oportunidade para fortalecer económica e socialmente as comunidades rurais. Non obstante, nun tema no que impactan cousas tan relevantes como pode ser a propia paisaxe, “os galegos de hoxe estamos obrigados a facer ben as cousas para que os que veñen despois encontren un país mellor”, indican os autores, fancendo fincapé en que se deben evitar “présas e que os beneficios emigren, como xa pasou noutras ocasións”. 

Tal e como explican no limiar da obra, nas páxinas deste traballo, baseado en análises e estudos previos realizados polo Observa¬torio Eólico de Galicia e antes polo grupo Gieeah que o xestiona, os propietarios dos terreos atoparán desde propostas de mellora da regulación ata informacións e recomendacións para os impli¬cados nos diversos procesos de instalación de novos parques eólicos, “fundamentalmente di¬rixidas a fortalecer a posición negociadora dos elos máis débiles da cadea de valor do vento”.

As claves do negocio eólico en pouco máis dun cento de páxinas

Ao longo de algo máis dun cento de páxinas os autores van detallando pois diferentes aspectos que afectan ao negocio da enerxía eólica. Arrancan cun capítulo no que se afonda no impacto territorial dos parques eólicos en Galicia, incluíndo os tipos de afección dos terreos. A continuación, a guía centra a atención na análise do procedemento de autorización de parques eólicos, tanto a través do proceso autonómico como do estatal, para continuar cunha sección na que se presentan os mecanismos vixentes de relación entre pro¬pietarios/as de terras e promotores de parques eólicos. 

A estimación das rendas que se están a pagar actualmente en Galicia e a fiscalidade que afecta a este tipo de ingresos son outras das temáticas que se abordan no libro e que máis interesan aos propietarios rurais. Por outra banda, os autores presentan información sobre como se comporta o nego¬cio eólico, introducindo información sobre os sistemas económicos de apoio aos investimentos e o comportamento das principais variables relacionadas con ese negocio. Seguidamente, a monografía incorpora información sobre as obrigas tributarias que teñen as propietarias e os propietarios dos parques eólicos, diferenciando as distintas escalas administrativas. 

O libro péchase cun apartado no que inclúe as respostas ás preguntas máis frecuentes que acostuman realizarse os propietarios e unha serie de anexos que incorporan documentos relativos aos contratos e ao convenio.