En colaboración con investigadores da Universidad Arturo Prat chilena
O Observatorio da Gobernanza analiza as realidades fronteirizas de Galicia e América Latina
No marco de dous proxectos de investigación financiados polos gobernos de España e México
Escenarios de cooperación, institucional e informal, pero tamén de conflitos, as fronteiras dan lugar a procesos sociais, económicos, políticos ou culturais que poden reflectir patróns comúns, a pesar de inserirse en realidades moi diversas. Establecer “unha liña de comparación de fronteiras” que permita identificar tanto os elementos comúns como as diferencias entre as realidades fronteirizas de Galicia e o norte de Portugal e as dos países que conforman Mercosur foi un dos obxectivos centrais da recente estadía do coordinador do Observatorio da Gobernanza G3, Enrique Varela, no Instituto de Estudios Internacionales (Inte), da Universidad Arturo Prat de Chile, promovida polo proxecto ANID/Fondecyt 1230149, financiado polo goberno de Chile. Dando continuidade aos traballos iniciados previamente nunha estadía do profesor do Inte Haroldo Dilla na Facultade de Dirección e Xestión Pública, os dous investigadores traballan nunha análise comparada destas dúas realidades fronteirizas no marco dun proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades español.
Esta iniciativa permite á súa vez dar continuidade aos traballos centrados nas eurocidades da ‘raia húmida’ que Varela desenvolve no marco dun proxecto financiado polo Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología (Conacyt) do goberno de México e que ten como obxectivo definir un modelo de análise científico de comparación de fronteiras. Liderado polos mexicanos Colegio de la Frontera Norte (Colef) e Centro de Investigación en Alimentación y Desarrollo (CIAD), este proxecto, que se completará neste 2025, deu lugar a publicacións como o libro Fronteras en movimiento. Perspectivas analíticas y retos epistemológicos al inicio del siglo XXI, no que o tamén decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública asina, xunto ao investigador do Colef Xavier Oliveras, un estudo sobre “conflito e cooperación” nos espazos fronteirizos do século XXI.
Da fronteira entre México e Estados Unidos a Mercosur
A investigación que Varela desenvolve no marco deste proxecto ten como eixe as tres eurocidades xa constituídas na ‘raia húmida’, Valença-Tui, Tomiño-Vila Nova de Cerveira e Salvaterra-Monção, á vez que aborda tamén “outras dúas que se atopan en proceso” e que agruparían, por unha banda, os municipios de O Rosal, A Guarda e Caminha e, por outra, As Neves, A Cañiza, Arbo, Crente e Melgaço. A fronteira do Miño constitúe nese senso, subliña o investigador, unha área cunha “altísima densidade de eurocidades” que, a pesar ser “moi pequenas en canto a poboación”, presentan unha “altísima interacción”, que fainas "unha das áreas fronteirizas de Europa máis dinámicas”. Dirixida tanto a coñecer as diferentes vías de cooperación, formais e informais, como o establecemento dunha “axenda común” entre administracións de diferentes países, o proxecto busca analizar estas realidades nunha perspectiva comparada. Isto motiva que Varela traballe xunto a investigadores do Colef e da Universidade de Arizona State nun estudo que conecta as realidades destas eurocidades coas das "cidades transfronteirizas de Nogales-Sonora e Nogales-Arizona", en Estados Unidos e México.
Dando continuidade a esta liña de investigación, o coordinador do Observatorio da Gobernanza participa tamén no proxecto Bores, La resiliencia de las fronteras entre la cooperación y la securitización: retos de las crisis actuales (casos en la UE y Mercosur), liderado pola Universidad Complutense e financiado polo programa de Proyectos de I+D de Plan Estatal 2022. Neste caso, o seu estudo centrarase en pór en relación as iniciativas de cooperación entre as eurocidades Galicia e Portugal coas que teñen lugar nas fronteiras dos países que integran do Mercosur, nas que “non teñen un marco de seguridade común, como a UE, nin un espazo Schengen”, pero nas que non existen “unhas relacións tan asimétricas” como as da fronteira norte mexicana. Neste estudo comparadado, Varela traballará xunto con Dilla e, no marco destes traballos, Varela e Dilla mantiñan recentemente unha entrevista coa alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández. Posteriormente, o investigador da UVigo foi convidado a presentar a súa análise sobre as eurocidades galegas nun encontro internacional sobre estudos internacionais e fronteirizos promovido polo Inte con motivo do seu 25 aniversario.