DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, financiado por Gain

O Observatorio da Gobernanza participa no deseño dun simulador para a toma de decisións na xestión sanitaria dunha pandemia

O obxectivo é crear unha ferramenta de apoio aos xestores baseada na intelixencia artificial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 03/03/2021

Desenvolver, tomando como punto de partida os múltiples datos xerados no sistema de saúde ao longo da crise da covid-19, unha ferramenta de simulación para a toma de decisións na xestión sanitaria dunha pandemia. Este é o obxectivo principal de Practicum Direct, un proxecto do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), que reúne no seu equipo de traballo a profesionais sanitarios e expertos de diferentes áreas, entre os que se atopa o coordinador do Observatorio da Gobernanza G3, Enrique Varela. Seleccionado na convocatoria especial de fondos de investigación sobre a covid-19 da Axencia Galega de Innovación (Gain), cofinanciada con fondos europeos Feder, o proxecto foi promovido polo equipo de investigación do IISGS eHealth en áreas sanitarias integradas. Cun orzamento de máis de 270.000 euros, desenvolverase ao longo dos dous próximos anos e comprende a análise con ferramentas de big data de milleiros de datos relativos á xestión sanitaria da pandemia. Mais tamén o das múltiples variables que definen o “ecosistema da sanidade”, como sinala Varela, que explica que o papel do Observatorio da Gobernanza centrarase en todos aqueles aspectos do “contexto institucional e socioeconómico” que tamén inflúen na xestión sanitaria.

Persoal médico e de enfermaría, enxeñeiros e expertos en xestión pública traballan conxuntamente neste proxecto, que ten como investigador principal ao médico e responsable da Unidade de Calidade da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés Modesto Martínez, responsable da súa coordinación xunto co médico internista do Hospital Álvaro Cunqueiro Ismael Said. “O proxecto parte dos datos xerados durante a pandemia da covid-19 para analizar o impacto da toma de decisións na xestión de múltiples procesos sanitarios”, explica Said Criado dun proxecto que contempla a compilación de “datos masivos dos sistemas de información do Sergas mediante unha ferramenta galega de big data chamada Hexin”. Deste xeito, explica, “queremos coñecer como impactaron as decisións de xestión nos procesos hospitalarios e asistenciais e crear modelos de predición baseados en intelixencia artificial e estatística avanzada que axuden aos xestores a tomar as súas decisións baseadas neses datos”.

O obxectivo final é a creación “dunha ferramenta nutrida con datos clínicos e administrativos e aplicable a calquera tipo de decisión no futuro”, sinala Said. “A covid-19 foi a que disparou esta necesidade, pero está pensado para calquera tipo de emerxencias e crises”, engade Varela, trala xuntanza virtual que nos últimos días mantivo cos coordinadores do proxecto. Nese senso, o recentemente nomeado decano comisario da futura Facultade de Dirección e Xestión Pública pon o acento en que un “sistema dinámico de análise das situacións, que vaia alimentándose de novos datos” permitiría tamén “reorientar as decisións” e contribuír así a que en cada escenario poida adoptarse “a mellor solución posible, que non sempre é a mellor solución de todas”.

Un equipo multidisciplinar para analizar o “ecosistema sanitario”

“O sanitario é un sistema complexo e polo tanto hai que ter unha comprensión moi clara do contexto socioeconómico e institucional”, salienta Varela, que explica que o papel do Observatorio da Gobernanza centrarase en “comprender como funciona o sistema máis aló da propia sanidade”. Con independencia de que “unha parte importante da toma de decisións responde a procesos médicos e sanitarios”, na serie de variables que debe abranguer este simulador será preciso tamén, sinala, incluír aquelas outras referidas “a pacientes, familias, empresas ou mesmo á sanidade privada, que tamén xoga un papel no sistema”, á vez analizar, como todas as variables propias da xestión hospitalaria “afectan á estrutura social e económica”. 

“A interacción entre os distintos perfís profesionais que aglutina o proxecto axudará a desenvolver unha ferramenta con rigor científico e metodolóxico suficiente para proporcionar calidade na toma de decisións en xestión sanitaria nun futuro próximo”, engade Said dun proxecto do que Martínez Pillado destaca o seu carácter interdisciplinar, “en liña co Campus Crea”. Xunto aos dous coordinadores e Varela, forman parte do equipo de traballo catro médicos de diferentes especialidades, Antonio Regueiro, Marina Varela, Juan Turnes e Laura Valcarce, que, xunto á enfermeira Beatriz Soto, achegarán “a súa experiencia clínica durante a pandemia”, así como o catedrático da Universidade da Coruña Alejandro Pazos. Xunto a outra serie de colaboradores externos, o proxecto contará ademais coa colaboración de “empresas e centros de investigación galegos para realizar tarefas moi especializadas en temas de big data, intelixencia artificial e estatística avanzada”, explica Said.

Un proxecto que pon en valor os estudos de Dirección e Xestión Pública

A participación do Observatorio da Gobernanza en Practicum Direct, ao que se acaban de incorporar dous dos seus investigadores, Óscar Briones e Bruno González, “fainos ver que ámbitos como a dirección e xestión pública non teñen que ver só con servizos administrativos, xa que o sector público é moi amplo e hai moita necesidade de comprensión da complexidade que implica”. Ademais da importancia para o grupo de investigación de participar “nun proxecto destas dimensións”, Varela pon tamén de relevo o feito de que o perfil de graduado en Dirección e Xestión Pública aparecese na convocatoria de contratación de persoal de apoio para o proxecto, o que ao seu xuízo sitúa á titulación “nun contexto de alta calidade científica e de xestión pública”.