DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Centrado en tituladas e titulados en estudos de grao e mestrado no curso 2019/2020

O Observatorio de persoas tituladas lanza unha nova enquisa sobre a empregabilidade das e dos egresados da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 21/10/2022

Ata o 1 de novembro permanecerá aberto o prazo para que todo o alumnado da UVigo que durante o curso académico 2019/2020 realizou un grao ou un mestrado poida participar na nova enquisa do Observatorio de persoas tituladas da UVigo. Co obxectivo de realizar un seguimento periódico da inserción laboral das e dos titulados da Universidade de Vigo, o Observatorio está a distribuír o cuestionario por correo electrónico entre as e os titulados, que deron consentimento explícito para formar parte da súa base de datos, así como a través de redes sociais e da súa web. 

Ao dirixise a dous perfís distintos, na enquisa aplícanse dous formularios diferentes, nun caso para graduados e graduadas, e outro para titulados e tituladas en mestrado. Así mesmo, as persoas tituladas poderán atopar un avance dalgunhas das preguntas que deberán responder nun vídeo resumo elaborado polo Observatorio. A enquisa é anónima e o tratamento estatístico das respostas, realizado para a dirección do profesor Luis Espada, garante a absoluta confidencialidade.

Unha radiografía da situación das e dos egresados

“Con esta enquisa queremos saber como lles foi aos e ás tituladas: se traballan ou non, canto tardaron en encontrar emprego e se o seu posto está relacionado cos estudos realizados ou se, polo contrario, procuran emprego, continúan estudos universitarios ou preparan oposicións”, detalla Vítor Manuel Martínez Cacharrón, analista de datos do Observatorio de persoas tituladas da UVigo. Esta nova enquisa realízase superados dous anos da finalización dos estudos de grao e mestrado, “tempo considerado suficiente para abordar a análise da inserción laboral, pois o antigo alumnado desa promoción xa conta con certa experiencia profesional sobre o funcionamento do mercado de traballo”, sinala Martínez Cacharrón, que lembra que ademais de coñecer a empregabilidade do alumnado, as enquisas tamén permiten medir a satisfacción coa formación recibida, avaliar a relación existente entre o emprego e os estudos realizados, detectar a sobre e infracualificación e achegar á UVigo información actualizada cara á acreditación e mellora dos planos de estudo.

Unha vez completado o tratamento estatístico das respostas, os resultados serán publicados tanto na web do Observatorio, como na do Consello Social, que colabora na realización da enquisa, e no Portal da transparencia da UVigo.