DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Who killed those two flies and why?' logrou o primeiro premio no desfile de Esdemga

As obsesións de Bobby Fischer inspiran a colección coa que Raquel Barbosa triunfa en Debut 2018

O xurado recoñeceu tamén os proxectos de María Cores e Ana Micaela Fernández

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/11/2018

Cando, 20 anos despois da chamada “partida do século”, o xadrecista estadounidense Bobby Fischer íase enfrontar de novo co ruso Boris Spaski, pediu catorce camisas exactamente iguais ás que utilizara na partida celebrada en 1972 en Reikiavik. Esta mostra das “obsesións” do norteamericano serviu como fonte de inspiración a Raquel Barbosa para dar forma a Who killed those two flies and why?, a colección coa que na noite deste xoves se alzaba co primeiro premio na décimo segunda edición de Debut, a pasarela na que o alumnado de Esdemga presenta as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos. Nun desfile que levou a pasarela 15 proxectos de fin de estudos e un total de 52 coleccións realizadas polo alumnado, o xurado recoñeceu tamén co segundo premio Aquelarre, o proxecto presentado por María Cores, e outorgou un accésit a Los renglones torcidos de Dios, a colección de Ana Micaela Fernández.

“É algo incrible, despois de tanto esforzo, de moitas e moitas horas que á alguén que consideras que pode valorar o teu traballo este lle encante é algo xenial”, recoñecía Barbosa tras recibir un galardón que agarda sirva de axuda no inicio da súa vida profesional, unha vez completados os seus estudos e que definía como “un recoñecemento ao traballo de meses”. Valéndose do coiro e da xastrería a medida, Barbosa deu forma a unha colección na que plasmaba directamente nas prendas as anotacións de Fischer e na que fixo uso de coroas de loureiro para reflectir tamén a figura dun xadrecista “que obxectivamente era un gañador, pero que el tamén se sentía así”. Who killed those two flies and why?, sinala, “naceu das obsesións de Bobby Fischer, que foron as que fixeron que me parecese unha persoa incrible de analizar”, unha figura, que, recoñece, “inspiroume moitísimas cousas”. 

O escaparate de 15 novas tituladas

Na súa décimo segunda edición, a pasarela que cada ano reúne preto de 1800 persoas no Pazo da Cultura abriuse coa presentación dos 15 proxectos de fin de estudos que optaban aos premios que outorga a empresa Jesús Peiró, nesta ocasión representada por un egresado de Esdemga, Jairo Iglesias; premios que decidiu un xurado composto por Isabel Cantista, responsable da consultoría Fast Forward Innovation; Adriana Rodríguez e Jumpei Ushiyama, directora e deseñador de Camper Creative Network; Patrizia Fabri, deseñadora responsable da firma Antica Manifattura Cappelli, e Charo Álvarez e Rocío Sánchez, responsables da plataforma Bilbao International Art & Fashion. Xurado que outorgou o segundo premio á titulada Sara Cores por Aquelarre, unha colección na que presentaba unha revisión dos personaxes de Las brujas de Salem de Arthur Miller, e que decidiu tamén sumar a estes dous premios un accésit para Los renglones torcidos de Dios, o proxecto que Ana Micaela Fernández desenvolveu tomando como punto de inspiración o libro de Torcuato Luca de Tena que lle dá nome.

Xunto a elas estrearon tamén os seus proxectos sobre a pasarela Pilar Alegría, Claudia Baum, Miriam Cartagena, Susana Fall, Iria Ginebra González, Nohemi Pérez, Paloma García Santos, Sara Pérez, Inti Nuñez, Sasha Ratkovc, Sara Vázquez e Alicia Rea, nun evento que congregou de novo no Pazo da Cultura numerosos representantes do mundo da moda así como a diferentes autoridades. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e as vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e Transferencia, Consuelo Pérez; as concelleiras de Cultura, Carme Fouces, e Promoción Económica, Anabel Gulías, a decana de Belas Artes, Silvia García, e a deputada provincial Eva Villaverde, entre outros, estiveron presentes nun evento no que as 15 novas tituladas estrearon sobra a pasarela unha serie de coleccións nacidas de múltiples fontes de inspiración, desde as referencias literarias e cinematográficas a artistas como Francis Bacon ou Sean Scully, experiencias biográficas e vitais, ou deportes como surf e o jiu jitsu.

E o escaparate dunha titulación

Debut 2018 completouse cun segundo bloque de “coleccións de curso”, unha serie de traballos desenvolvidos ao longo do pasado ano académico por estudantes da primeira promoción do máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, por primeira vez representado nesta pasarela, na que tamén puideron verse traballos realizados por alumnado de segundo curso do título propio que será substítuído por este posgrao. En total, pudieron verse sobre a pasarela 52 coleccións que, como sinalou a directora de Esdemga, Lola Dopico, “forman parte da súa aprendizaxe na escola”. Debut, lembrou nese senso Dopico, “é fundalmentalmente a mostra do que o alumnado fai nas aulas, por iso sempre queremos darlle importancia non só ao remate dos estudos senón a todo o proceso”, completando a presentación dos proxectos finais con outra serie de propostas nas que estaban representadas todos os cursos da titulación.