DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O enxeñeiro industrial Joaquín Sánchez imparte unha conferencia na Escola Naval Militar

A obtención de enerxía no mar centra unha nova actividade da Cátedra Álvarez-Ossorio

O relatorio terá lugar este xoves 14 ás 19.00 horas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
DUVI Pontevedra 11/02/2019

A obtención de enerxía eléctrica no mar é eixo da conferencia que este xoves 14 impartirá na Escola Naval Militard de Marín o enxeñeiro industrial de Endesa Generación SAU Joaquín Sánchez, nunha actividade que se enmarca nas iniciativas da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a Universidade de Vigo desenvolve conxuntamente coa Escola Naval Militar. Enxeñeiro industrial pola Universitat Politècnica de Catalunya e máster en Administración de Empresas pola Escuela Superior de Administración de Empresas de Barcelona, Sánchez Baptista “conta cunha vida profesional plenamente dedicada á xeración de enerxía eléctrica”, salienta a Escola Naval Militar dun conferenciante que, ao longo da súa traxectoria profesional estivo involucrado na construción de máis de 4000 dos 100.000 megavatios eléctricos cos que conta España.

Nado en Lisboa en 1952, Sánchez Baptista incorpórase en 1977 ao departamento de Control de Deseño Nuclear da construtora eléctrica Fecsa, que promove as centrais nucleares de Ascó e Ascó II. Durante os seguintes 22 anos, este enxeñeiro pasará por diferentes postos técnicos e económicos de Fecsa, ata chegar a ser adxunto ao director xeral. En 1999, despois de que esta empresa fose adquirida por Endesa, incorpórase ás oficinas centrais desta multinacional en Madrid, converténdose en director de proxecto da central térmica de ciclo combinado de Tarragona I e, posteriormente, director de proxecto na construción das centrais de As Pontes, Besós 5 e Granadilla II. Xa en 2008 é nomeado subdirector de xestión de proxectos, posto que desempeña ata 2015. Así mesmo, como experto en enerxía nuclear, Sánchez Baptista participou na análise do primeiro e segundo Plan Nacional de Gestión de Residuos Radioactivos, ademais de ter impartido docencia sobre residuos radioactivos como profesor convidado nas universidades Politècnica de Catalunya e Politécnica de Madrid e de ter participado nun proxecto do programa europeo H2020 dirixido a explorar a viabilidade de novos modelos da xestión da enerxía eléctrica.

Autobús gratuíto desde o campus

Co propósito de achegar ao alumnado do campus a posibilidade de asistir a unha conferencia programada para ás 19.00 horas no salón de actos da Escola Naval Militar, a Vicerreitoría do campus impulsa un servizo gratuíto de autobús, coa partida prevista ás 18.30 horas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. As persoas interesadas en reservar praza para esta actividade poden solicitalo a través do correo difupo@uvigo.es