Organizado polo Club Peña Trevinca en colaboración coa UVigo e o Concello
Odile Rodríguez de la Fuente; Alex Txikon e Mariano Baratech protagonizarán o 5º Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático
Os días 24, 25 e 26 deste mes no auditorio municipal ás 20.00 horas
O Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático cumpre o seu primeiro lustro cunha quinta edición que estará protagonizada por Odile Rodríguez de la Fuente; o alpinista Alex Txikon e o director e produtor Mariano Baratech.
A vindeira semana, entre os días 24 e 26, o auditorio do Concello de Vigo acollerá tres sesións dedicadas á natureza, a sostibilidade e o clima, cun programa impulsado polo Club Peña Trevinca Montañeros Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo e o Concello de Vigo.Todas as sesións comezarán ás 20.00 horas no auditorio municipal e a entrada é libre e de balde.
Tres xornada de natureza, ciencia e debate
Como cada ano, o primeiro día está centrado no montañismo e contará como protagonista cun dos mellores alpinistas nacionais, Alex Txikon. Este montañeiro vasco coroou o seu primeiro oitomil con tan só 21 anos: o Broad Peak, no Karakorum paquistaní. Dende entón participou en máis de trinta expedicións e acadou once dos catorce cumios de máis de 8000 metros que existen no planeta. Na última década liderou importantes expedicións invernais por algunha das cales obtivo recoñecementos internacionais, como a primeira ascensión invernal ao Nanga Parbat (8126 m), en 2016, ou ao Manaslu (8163 m), en 2021, ambas as dúas ocasións sen axuda de osíxeno artificial. Ademais, tamén colaborou co programa Al filo de lo imposible. Txikon será presentado polo alpinista Sechu López, e compartirá a súa experiencia e a ilusión dunha vida dedicada aos grandes cumios.
Ao día seguinte, o 25 de marzo, a protagonista será Odile Rodríguez de la Fuente, filla do desaparecido naturalista, que ofrecerá un relatorio titulado O home e a terra, no que abordará a complexidade do planeta e do legado do seu proxenitor. Licenciada en Ciencias Biolóxicas e Produción de Cine, Odile traballou durante cinco anos na sede de National Geographic nos Estados Unidos. En 2004, puxo en marcha a Fundación Félix Rodríguez de la Fuente, que dirixiu durante máis de quince anos. Na actualidade colabora con distintos medios de comunicación e forma parte do padroado de Rewilding Europe, así como de WWF España. Actualmente é presidenta de Rewilding Spain. Recibiu numerosos premios e recoñecementos internacionais pola súa dedicación á conservación e á divulgación da natureza. Rodríguez de la Fuente será presentada pola xornalista Irene Bascoy, subdirectora de Faro de Vigo.
Esta quinta edición do ciclo pecharase o xoves 26 coa presencia do director da serie documental Hope!, Mariano Baratech. Enxeñeiro, sociólogo e activista medioambiental, fundou en 2015 a produtora El Gatoverde, cuxos proxectos audiovisuais acadaron diversos galardóns, entre eles o Goya á mellor película de animación (2022) ou o premio do Festival de San Sebastián (2024). Na serie Hope! Estamos a tiempo, propón solucións para reverter a crise climática. A serie foi proxectada no Parlamento Europeo o pasado 3 de decembro e está a empregarse como ferramenta de rexeneración ambiental en países de todo o mundo. Cristina Fernández, vogal de medio ambiente do Club Peña Trevinca, será a encargada de presentalo.
