DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A programación inclúe unha fin de semana de inmersión na didáctica do patrimonio

A oferta de obradoiros deste cuadrimestre renóvase con catro propostas

Están abertos á matricula da cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 24/01/2020

Catro novas opcións, catro que volven á palestra de anteriores edicións e cinco que continúan. A programación de obradoiros de extensión universitaria deste cuadrimestre, organizados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación Provincial, preséntase renovada co obxectivo de continuar enriquecendo o tempo libre dos membros da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral. Entre as novas propostas hai unha fin de semana de inmersión na didáctica do patrimonio e obradoiros de agricultura urbana e reciclaxe e robótica educativa.

“Estamos ilusionados de renovar a oferta de obradoiros, incluíndo catro novas propostas que agardamos que funcionen ben”, comenta Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais no campus de Ourense. A matrícula, lembra, está aberta tanto a membros da comunidade universitaria como persoas alleas a ela e pode realizarse a través da web da Universidade de Vigo do 30 de xaneiro ao 12 de febreiro. O prezo de inscrición é de 40 euros para o público xeral e de 26 euros para os membros da comunidade universitaria.

As novidades

A primeira das novidades deste cuadrimestre leva por título Weekend experience: obradoiro intensivo de inmersión na didáctica e interpretación do patrimonio cultural e natural. Dirixida por Martiño Xosé Vázquez, a iniciativa consiste nunha fin de semana na Reserva da Biosfera de Allariz “para adquirir destrezas e ferramentas coas que achegarse ao patrimonio natural e cultural”. O obradoiro inclúe varias rutas a pé e en bicicleta e visitas interpretativas a varios monumentos, zonas protexidas e museos. Tamén entra na programación deste cuadrimestre un obradoiro de introdución á agricultura urbana e reciclaxe, dirixido polo profesor Javier Rodeiro e que se presenta como “un curso práctico de agricultura urbana, aproveitamento de recursos de desfeita, reutilización e reciclaxe de materiais, aproveitamento de residuos orgánicos de uso doméstico e técnicas básicas para poder facer hidroponía e acuaponía”.

Outras das novidades da programación é a iniciativa Espazos makers: robótica educativa con Escornabot e e-textis. A actividade, dirixida por Almudena Alonso Ferreiro, pretende “explorar en profundidade o proxecto Escornabot”, deseñando e creando recursos para xogar e traballar con el e tamén producións con e-textis. Tamén no eido das novas tecnoloxías, ofertarase este cuadrimestre, baixo a dirección do profesor Javier Rodeiro, unha formación de introdución a Arduino, co obxectivo de que as e os participantes crean e desenvolvan os seus propios proxectos en software e hardware libre.  

As renovacións

Entre as propostas que repiten este cuadrimestre de edicións anteriores están dous obradoiros que xa contan cunha dilatada traxectoria nesta programación. Un deles é o dedicado á gaita galega, ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas e no que as e os inscritos, sexa cal sexa o seu nivel de formación neste eido, profundan neste instrumento e en xeral na música tradicional galega. O segundo deles é o Programa mindfulness no día a día, dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación Stuart McNicholls e destinado a iniciar a persoas adultas nesta disciplina en auxe. Tamén volven á programación de anos anteriores a proposta de Introdución á observación astronómica, que permite, baixo a dirección do físico José Ramón Salgueiro, coñecer os principais obxectos de observación astronómica e as técnicas de observación máis habituais. Por último, retómase a formación de Adobe Photoshop destinada a introducir ás persoas interesadas no mundo do retoque dixital de imaxes.

Esta oferta complétase coa continuidade das aulas de teatro e danza que se imparten desde principios do curso académico. Trátase das aulas de teatro Rosaura, aberta ás e aos que se inician nas artes escénicas; Cordelia, destinada ás e aos que xa teñen algo de experiencia, e Maricastaña, para as e os máis avanzados. A estes tres niveis engádeselle a Aula de Teatro Infantil Gepetto. Baixo a dirección de Fernando Dacosta e coa docencia do grupo Sarabela Teatro, as e os participantes continuarán formándose co aliciente de que actuarán nalgunha das principais mostras de teatro da cidade de Ourense ou incluso irán de xira por diferentes puntos da xeografía estatal, como é o caso dos inscritos en Maricastaña. Ademais das aulas de teatro, o campus conta cunha aula de danza contemporánea chamada D-Ou-Tras, impartida polo grupo Traspediante, que tamén ofrece ao seu alumnado a oportunidade de, ademais de formarse, actuar en diversas mostras universitarias.