DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Abertos á inscrición da comunidade universitaria e da cidadanía en xeral

A oferta de obradoiros deste cuadrimestre volve renovada e con 13 propostas

As novidades abranguen temas que van desde a seguridade viaria ata as danzas do mundo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cursos
  • Cultura
DUVI Ourense 23/09/2024

Con 13 propostas, moitas delas novidades, preséntase a oferta de obradoiros de extensión universitaria do campus de Ourense para este cuadrimestre, organizados pola súa vicerreitoría con financiamento da Deputación Provincial. Desde o 23 de setembro ata o 4 de outubro as persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, poden inscribirse a través do Campus Activo da UVigo. O prezo de matrícula é de 40 euros para o público xeral, 26 para a comunidade universitaria, 32 para outros colectivos vinculados á Universidade de Vigo e un dos cursos é de balde. Están recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo.

Do social ao tecnolóxico

Entre as novidades, desde a Facultade de Educación e Traballo Social, baixo a dirección do profesor Francisco J. Aguiar, preséntase dúas propostas. A primeira é Ferramentas artísticas e socioafectivas para a intervención social, que afondará en como “restablecer e revitalizar os sistemas ecolóxicos e sociais de maneira conxunta, tratando de artellar sistemas máis xustos, sostibles e circulares”. A segunda é Introdución á rexeneración ecosocial, e nela as e os participantes achegaranse “á posta en práctica da creación de culturas de paz, unha forma creativa e participativa de transformar os conflitos de forma positiva e de crear comunidades cada vez máis resilientes”.

Tamén se inclúe como novidade este cuadrimestre a proposta, dirixida polo profesor Antón Lois Fernández, Intensidade e fraxilidade na pintura actual. Nela afondarase nun “modelo operativo de arte pictórica que responda tanto a un retrato de tempo e circunstancias actuais como ás posibilidades de creación en tempos convulsos”. Por último, entre as novas incorporacións está, de balde, un obradoiro de formación en seguridade viaria, ofrecido pola Dirección General de Tráfico. Partindo da premisa de que “a sanción evita condutas perigosas ao volante pero a educación e a formación erradican os comportamentos perigosos”, nesta actividade o alumnado abordará a seguridade viaria desde múltiples perspectivas: policial, educativa, formativa e de sensibilización.

Ademais destas novas incorporacións, volven de cuadrimestres anteriores dúas propostas que se desenvolven desde a Facultade de Educación e Traballo Social. A primeira é o Grupo de crecemento persoal e empoderamento para mulleres, dirixido pola catedrática María Lameiras. Nel “preténdese acompañar e apoiar o crecemento persoal, e promover o empoderamento/axencia das mulleres, utilizando o traballo en grupo para deconstruír os estereotipos cos que son heterodesignadas as mulleres nas sociedades patriarcais”. A segunda é  Novas linguaxes e habilidades maker para educación, que, dirixido por Almudena Alonso, quere ser un espazo para traballar con estas tecnoloxías para a mellora da práctica docente.

Formación en artes escénicas

Como xa é tradición, os membros da comunidade universitaria e a cidadanía interesada tamén teñen a oportunidade de apuntarse este cuadrimestre ás aulas de artes escénicas do campus de Ourense. As aulas de teatro estarán de novo a cargo de Sarabela Teatro e con dirección de Fernando Dacosta: a aula Rosaura, o primeiro nivel, está aberta ás e aos que se inician no eido teatral, o segundo nivel, Cordelia, ás persoas que xa teñen algo de experiencia e Maricastaña acollerá ás e aos que teñen un nivel máis avanzado. Igualmente celebrarase unha nova edición do obradoiro de música tradicional galega, de gaita e percusión, ofrecido polo músico Gonzalo Abelairas.

Polo que respecta á danza contemporánea, volverá a repetirse o obradoiro de formación a cargo da coreógrafa Nuria Sotelo e ofertarase unha nova opción centrada na creación escénica e na composición coreográfica baixo a dirección de Ainhoa Linaza, dirixido neste caso a persoas con experiencia previa en danza. Completando esta oferta tamén se incorpora como novidade o obradoiro Danzas do mundo e interculturalidade, coordinado pola mesma Ainhoa Linaza e dirixido por Ana María Torrado e no que se realizará un achegamento a danzas colectivas tradicionais de diferentes países, abordándoas dende a cultura, a música, o movemento e outras artes.