O período de matrícula está aberto ata o 14 de febreiro de 2025
A oferta de obradoiros para o segundo cuadrimestre renóvase con 11 propostas
Como novidades: comunicación inclusiva, construción de biografías de artistas ou edición dixital
Co arranque do segundo cuadrimestre, abre tamén a inscrición dos obradoiros de Extensión Universitaria no campus de Vigo, que ofrecen unha ampla oferta de formación complementaria para toda a cidadanía. En total, ao longo dos vindeiros meses impartiranse 11 talleres de temáticas moi variadas, dende os clásicos de música tradicional e teatro a outros relacionados coa natureza e a agricultura, a costura, as tecnoloxías ou a comunicación.
O período de matrícula está aberto ata o 14 de febreiro de 2025 e os prezos varían entre os 40 euros para o público en xeral, os 26 para os membros da comunidade universitaria e 32 euros para colectivos do grupo C, é dicir, PAS e PDI e centros adscritos, persoal da Fuvi, de entidades en concesión administrativa, alumnado estranxeiro do Curso Cero ou alumnado doutras universidades matriculado en títulos interuniversitarios da UVigo, persoas egresadas, persoas xubiladas, etc.
Cultivo de cogomelos, identificación de árbores e agricultura ecolóxica
A natureza e a agricultura orgánica adoitan estar sempre presentes na oferta de obradoiros de Extensión Universitaria no campus vigués. Para este segundo cuadrimestre ofertarse un curso de cultivo doméstico de cogomelos, que se centrará no produción doméstica de varias especies de interese gastronómica. As clases terán lugar na Facultade de Química entre o 24 de febreiro e o 19 de maio.
Outra das opcións relacionadas coa natureza é o obradoiro Descubrindo as árbores: identificación e usos, que comprende sesións teóricas sobre árbores e arbustos arborescentes, as súas aplicacións en diferentes ámbitos da vida cotiá e a súa relación co ser humano ao longo da historia. Tamén haberá saídas de campo e traballos na aula. As sesións terán lugar tamén na Facultade de Química entre o 12 de marzo e o 21 de maio.
Tamén se imparte neste cuadrimestre o Obradoiro práctico de agricultura orgánica. Deseño, planificación, implantación e manexo dunha horta que axudará ás persoas participantes a organizar a súa finca e a mellorar o funcionamento dunha horta, así como as relacións que nela se dan para poder acadar mellores resultados. As clases serán entre o 24 de febreiro e o 30 de xuño na horta que se atopa detrás do CINBIO.
Deseño de placas, mundo maker e edición dixital
Outro eixe central da oferta de obradoiros adoita ser a tecnoloxía. Por primeira vez ofértase un taller de introdución ao deseño de placas de circuíto impreso, entre o 22 e o 30 de maio na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, así como outro de iniciación ao mundo maker no mesmo centro do 28 de abril ao 13 de maio.
Outra das novidades desta edición é o curso de edición dixital de textos, que se impartirá na Facultade de Filoloxía e Tradución do 21 de febreiro ao 25 de abril. Este curso permitirá ao alumnado desenvolver a súa competencia dixital no uso avanzado de procesadores de textos, introducirse na edición dixital de textos con LaTeX e comprender a linguaxe de programación XML/TEI, ademais de crear edicións dixitais na plataforma libre GitHub e publicar a través de Zenodo.
Música tradicional e teatro
Repiten neste cuadrimestre dous dos clásicos da oferta de obradoiros de Extensión Universitaria: a aula de música e baile tradicional e o taller de teatro. O primeiro desenvolverase entre o 18 de febreiro e o 6 de maio no Teatro da Cidade Universitaria, mentres que o segundo traballará na posta en escena de espectáculo Divinas Palabras, de Ramón María de Valle-Inclán baixo a dirección de Casilda Alfaro. A obra estrearase na Miteu e as sesións de traballo serán do 17 de febreiro ao 7 de maio tamén no Teatro de Cidade Universitaria.
Linguaxe, comunicación e costura
A oferta do cuadrimestre complétase cun obradoiro de costura creativa, para aprender a deseñar e crear de complementos, interpretar patróns, tomar medidas e cortar e confeccionar a man. Este curso impartirase entre o 27 de febreiro ao 15 de maio no edificio Miralles.
Tamén se impartirá o taller Cantar historias, que ensinará a construír biografías de artistas a través da música. A sesións, no café Uf entre o 23 de abril e o 4 de xuño, repararán figuras como Johnny Cash, Nina Simone, Joan Báez ou Patti Smith.
Finalmente, a oferta complétase cun curso de comunicación inclusiva, unha das novidades desta edición, que dotará ás e aos asistentes de estratexias e formación sobre o uso da linguaxe inclusiva en galego e en castelán, sobre a linguaxe non racista e non capacitista. As clases serán no edificio Redeiras do 21 de febreiro ao 21 de marzo