DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Oficina Galega de Atención ao Deportista será un ente aberto a calquera afeccionado

Presentouse na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 20/11/2007

A Oficina Galega de Atención ao Deportista será un ente aberto a calquera afeccionado ao mundo do deporte, prestando servizos non só aos deportistas profesionais e de elite, senón a calquera persoa que dalgunha forma estea vinculada a este mundo. Así se salientou na súa presentación que tivo lugar este martes na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte con motivo das xornadas Deporte e Inserción Laboral.
A nova oficina axudará tanto aos ex deportistas, na súa adaptación, formación e inserción socio-laboral, como aos profesionais en activo, para que planifiquen o seu futuro, e aos rapaces que comezan a súa carreira e que necesitan prever todas estas situacións.
Esta oficina é un dos mecanismos de actuación que ten a Fundación Educación, Deporte e Saúde (FEDYS) co obxectivo de promover a formación e o desenvolvemento integral das persoas, por medio de tres eixes básicos de actuación: a educación, o deporte e a saúde.
O decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Xosé Mª Cancela Carral; a delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte, Mª Xesús López Escudeiro; o presidente de FEDYS e ex futbolista, Francisco Javier González, e coñecidos deportistas como Iván Raña, Paula Carballido, Alejandro Gómez, Ezequiel Mosquera ou Pedro Nimo foron algunhas das personalidades que acudiron á presentación.

As xornadas

A presentación da Oficina Galega de Atención ao Deportista, fíxose como parte do programa das xornadas Deporte e Inserción Laboral organizadas pola Dirección Xeral para o Deporte en colaboración coa Universidade de Vigo. Estas sesións, que xa se realizaron na Universidade da Coruña, “pretenden que os alumnos teñan unha visión da vida do deportista despois de ser de elite, do seu futuro profesional, xa que a vida do deportista é moi curta e moitas veces non se pensa o que van facer despois de retirarse“, explicou o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
Nas sesións tamén se fixo a presentación do estudo A Retirada nos Deportistas elaborado pola psicóloga deportiva, ex atleta e profesora da Universidade Lusíada (Portugal), Mª Dolores González Fernández.