DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 26 de marzo

A oitava ruta cultural percorrerá un tramo do Camiño Francés

Hai 80 prazas dispoñibles para os membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 22/03/2022

O sábado 26 de marzo celebrarase unha nova ruta cultural deste segundo cuadrimestre da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo. A que será a oitava andaina deste curso académico consistirá nun tramo do Camiño Francés. Con ela dáse continuidade a unha programación que este cuadrimestre está centrada na realización de tramos de diferentes Camiños a Santiago de Compostela, coincidindo coa conmemoración de 2022 como Ano Xacobeo.

Con dificultade baixa e 20 quilómetros de percorrido, a ruta seguirá o traxecto O Leboreiro, Melide e Arzúa. “O Camiño Francés é o Camiño de Santiago no que conflúen a maioría de vías medievais de peregrinación europeas. É, por tanto, o camiño de maior relevancia histórica”, lembran desde a organización dos roteiros. Segundo explican, a ruta arrancará “nunha das mellores obras de arquitectura civil de todo o percorrido dende Francia, a ponte sobre o río Furelos, e dende aquí atravesaremos as Terras de Melide ata chegar a Arzúa, vila queixeira na que poder pór a guinda a esta dócil etapa”.

Autobuses desde os tres campus

Con 80 prazas dispoñibles para os tres campus da institución académica, na inscrición teñen prioridade os membros da comunidade universitaria pero tamén está aberta ás persoas alleas a ela. Así, a inscrición, a través do Campus Activo da UVigo, está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á celebración da andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada. Haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada andaina dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. O prezo varía en función do colectivo de pertenza e cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria necesaria, na páxina web das rutas culturais.

Tras esta andaina, está previsto que a programación se peche o 9 de abril, realizando o último tramo do Camiño Fisterra-Muxía. Partindo da vila coruñesa de Cee e pasando por Corcubión, as e os participantes chegarán a Fisterra despois de percorrer os 18 quilómetros que configuran esta etapa.