DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato presenta un libro no que compila os seus discursos e intervencións en actos

Oito anos de "reflexións desde o compromiso"

Fai un repaso polos fitos fundamentais da Universidade mentres foi reitor entre 2010 e 2018

Etiquetas
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 16/05/2018

Foron anos difíciles, anos de crise marcados por recortes nas achegas públicas ás universidades, pola taxa de reposición, por problemas demográficos que facían pensar nun claro descenso da matrícula nos graos... Esa era a contorna na que estaba a Universidade de Vigo cando Salustiano Mato foi elixido reitor en 2010. Agora, a poucos días de abandonar o cargo, recolle nun libro, titulado Reflexións desde o compromiso, “o que foi a historia recente da Universidade de Vigo nestes oito anos”. Faino nun volume de 260 páxinas que inclúe parte dos seus discursos institucionais en actos como aperturas oficiais do curso académico, investiduras de doutores Honoris Causa ou eventos destacados no eido da investigación, a cultura, a docencia ou o emprendemento. Con limiar do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a publicación arranca coa súa intervención no acto de apoio institucional ao Campus de Excelencia Internacional do Campus do Mar en setembro de 2010 e finaliza coa despedida do Pergamiño Vindel neste 2018. Segundo Mato, estes discursos dan “unha idea dalgúns dos fitos que se foron acadando ao longo deste anos”.

Na presentación do libro recoñecería que se trata de “volver a vista atrás no fin dunha etapa de oito anos de servizo á comunidade universitaria”. No acto estivo acompañado polos ex-reitores Luis Espada e Domingo Docampo, aos que agradeceu o seu traballo pola excelencia da Universidade de Vigo.

Facer fronte a un contexto complexo

Aproveitando a presentación do libro, Mato fixo un balance de dez anos á fronte da Universidade de Vigo, unha etapa que comezou en 2010, un momento no que a universidade española se enfrontaba “a moitas incógnitas e moitas ameazas, cunha crise económica que galopaba con insistencia e agresividade”. Era, lembra o reitor en funcións, unha etapa de recortes continuos das achegas públicas, na que pensaba en “suprimir títulos, facultades, campus e mesmo fusionar universidades”. Fronte a isto, remarca, “sempre defendemos o modelo do SUG con tres universidades e sete campus, porque era posible e eficiente socialmente”. Outro dos “hándicaps” era o reto demográfico e a previsión dun forte impacto nas cifras de matrícula. “Todo facía pensar que iríamos a peor, pero se neses anos tiñamos unha matrícula do 80% e baixando”, agora a Universidade de Vigo, a pesar de irse acentuando esa crise demográfica, “ten o 100% de ocupación”. De feito, remarca Mato, en Ourense, onde esta casuística se agudiza, a porcentaxe de ocupación é do 101,5%. Tampouco se esqueceu doutra das loitas dos reitores galegos nestes anos, o redución das achegas públicas ás universidades. “No primeiro ano de goberno de Alberto Núñez Feijóo os recortes eran do 25% e isto metíanos en 2010 un déficit contable de 25 millóns, non porque se xestionase mal, senón porque se decidiu non cumprir un plan aprobado polo Parlamento galego”. Finalmente, lembra, as universidades conseguiron pactar un plan de financiamento estable e parar eses recortes ao tempo que Vigo facía un grande esforzo por incrementar a súa capacidade de captación de recursos externos. Isto permitiu á institución viguesa ser “unha das poucas de España que durante a crise incrementaron, nun 15%, o capítulo de gastos de persoal”.

Outro dos fitos salientables destes oito anos é a especialización dos campus, que comezou co Campus do Mar. “Quedará como algo fundamental para o desenvolvemento da Universidade, da cidade e de toda Galicia a través do polo do mar na ETEA que axudará a despegar ao mundo do mar-industria”, explicaba. A conexión coa sociedade e co tecido empresarial e a clara aposta polo emprendemento e a transferencia de coñecemento foron outras das características que quixo poñer en valor. “Isto é froito dun traballo colectivo que comezou hai moitos anos con Luis Espada e se afianzou co modelo deseñado polo reitor Docampo e que puidemos continuar durante estes 20 anos ata converternos nunha universidade do século XXI”. 

A taxa de reposición, a principal loita

Preguntado polo fito máis importante na súa etapa como reitor, Mato non dubidou en referirse á loita de todos reitores por pechar a “ferida mortal pola que sangramos e que nos fixo o ministro Montoro coa taxa de reposición”, especialmente “dolorosa” nunha Universidade que “fixo os deberes, que estaba saneada”. Non obstante, Salustiano Mato considera que esta cuestión está xa “moi desatascada” grazas á pelexa dos reitores. “Foi o que máis nos costou, o que máis sufrimos, o máis difícil pero está case feito e suporá un osíxeno tremendo para o futuro”. Precisamente falando de futuro, desexou moita sorte ao novo equipo, “espero que teñan mellores oportunidades e mellor escenario” para que poidan desenvolver e mellorar “o modelo que puxemos en marcha nestes anos, que está xa moi asentado na comunidade universitaria”.