DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enquisou, entre setembro e novembro de 2021, máis de 2500 tituladas e titulados

Oito de cada dez egresados da UVigo sufriron fatiga pandémica, segundo un estudo pioneiro en España do Observatorio de Persoas Tituladas

As mulleres recoñeceron sentirse moito máis afectadas (81,2%) que os homes (72,9%)

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 20/07/2022

O terceiro e derradeiro informe de seguimento sobre o impacto laboral da pandemia nos antigos estudantes da UVigo elaborado polo Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo, Estudo sobre o impacto laboral da pandemia Covid-19 durante o ano 2021 nas persoas tituladas da UVigo (Xaneiro- Setembro 2021), incorpora, respecto dos seus antecesores, unha novidade que o converten nunha publicación pioneira e única no sistema universitario español. “Un elevado número de persoas que participaron no estudo sobre o impacto da segunda onda da pandemia, solicitounos que abordásemos o impacto da pandemia na saúde mental, e así o fixemos, logo que os estudos anteriores se dedicasen máis especificamente a cuestións socio-laborais”, explican Luís Espada Recarey e Víctor Manuel Martínez Cacharrón, director e analista de datos, respectivamente, do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo. Con este obxectivo elaboraron un cuestionario, tentando que non fose invasivo ao tratarse dunha materia sensible, “con preguntas sobre os efectos da pandemia no estado de ánimo xenéricas, sen entrar nunca, por unha cuestión de privacidade, en sintomatoloxía (episodios de ansiedade, crises de estrés, trastornos de conduta…) ou en aspectos persoais. Non queríamos facer epidemioloxía, aínda que se trate dun estudo sobre o impacto dunha pandemia”, indican os autores.

2530 titulados e tituladas da UVigo foron enquisados entre setembro e novembro de 2021 para este estudo que avalía o período comprendido entre xaneiro e setembro e no que, xunto á novidade do impacto emocional da pandemia, tamén se recolleron as súas opinións sobre o impacto da crise por covid nos ámbitos sanitario, laboral e no modo de traballo, analizado en anteriores traballos, o que permite establecer comparativas homoxéneas entre os diferentes períodos avaliados.

77,8% das e dos egresados afectados pola fatiga pandémica 

O Estudo sobre o impacto laboral da pandemia Covid-19 durante o ano 2021 nas persoas tituladas da UVigo (Xaneiro- Setembro 2021), desenvolvido coa colaboración do Consello Social da UVigo, aborda por vez primeira a fatiga pandémica, entendida como o impacto que a covid provocou no estado de ánimo das e dos titulados, por causa das restricións e situacións creadas pola crise do coronavirus. “Os efectos da pandemia non deixaron indiferente a ninguén. Dunha maneira ou doutra, o 96% de antigos estudantes víronse afectados máis elas que eles”, detallan os autores do estudo, que sinalan que, preguntados sobre os aspectos nos que máis lles impactou a pandemia ás e aos egresados, o primeiro, foron con moita diferenza, os aspectos emocionais (77,8%), por diante dos aspectos laborais (45,2%) ou económicos (20,6%). 

Das respostas das tituladas da UVigo tamén se confirma que elas sufriron unha maior impacto emocional (81,2%, contra 72,9% de homes), así como que o viviron con maior intensidade (3,48 contra 2,99 de homes, nunha escala de 1 a 5), ademais de que a súa preocupación por contaxiarse chegou ao 52,5% , mentres que quedou no 36,3% no caso dos homes. Pola contra, tamén se advirte que os homes son máis optimistas sobre a mellora da economía doméstica a corto prazo (30,5% fronte o 18,8%), e tamén sobre a volta á vella normalidade (35,3% e 19,7%). 

Impacto sanitario, laboral e no modo de traballo

O estudo do Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo aborda, como xa fixera en traballos anteriores, o impacto sanitario da pandemia, neste caso en 2021, “impacto sanitario que vén dado pola porcentaxe de persoas tituladas que referiron a existencia de contaxios de coronavirus no seu ambiente de traballo; isto é, nunca preguntamos se as persoas inquiridas se viran directamente contaxiadas”. Baixo esta condición, o estudo conclúe que en cada vaga da pandemia aumentaron os contaxios de forma considerable: do 34,3% na primeira onda pasouse ao 55,6% na segunda, até alcanzar o máximo de 68,5% durante o ano 2021. Ademais, nos tres períodos avaliados o impacto sanitario en Galicia foi moi inferior ao rexistrado noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

En relación co impacto laboral da pandemia durante 2021, despois do choque inicial observouse unha estabilización das taxas de ocupación e de desemprego, superando os egresados que encontraron emprego aos que o perderon, cun incremento moi pequeno (0,5%) da ocupación durante o ano 2021. “A pesar desta recuperación, os últimos rexistros das taxas da ocupación (90,1%) e de desemprego (6,8%) aínda non alcanzaron os niveis anteriores á crise orixinada durante grande confinamento de 2020 (92,2% e 4,7%, respectivamente)”, explican Espada e Cacharrón, que sinalan que un indicador desa recuperación foi o considerable aumento das e dos titulados que mudaron de emprego durante o ano 2021 (4,7%), cuadriplicando os datos da primeira onda (1,2%) e duplicado á segunda (2,1%).

En canto ao modo de traballo, o estudo constatou que existe unha relación entre as modalidades implementadas e o impacto sanitario. “Así pois, a máis impacto sanitario, máis frecuentes son as modalidades non presenciais. Iso explica que o teletraballo/semipresencial fose maioritario durante a primeira onda (56,6%), caeu ao 42,7% na segunda, recuperándose ao 50,4% no ano 2021. Lembremos que, co proceso de vacinación aínda non completado, durante o ano 2021 houbo unha incidencia moi alta de contaxios por causa da propagación das novas variantes do coronavirus”, detallan os autores do traballo. 

Unha valiosa rede de embaixadores propios 

Centrados de novo no seguimento da inserción laboral das últimas promocións de persoas tituladas da UVigo, os autores do estudo, confirman que este é o derradeiro sobre o impacto laboral da pandemia nos antigos estudantes. Un traballo co que o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, considera que o Observatorio “está a construír novos marcos mentais e novos valores para interpretar a realidade que forxan xuntas a sociedade e a universidade. Aquí hai unha socioloxía rica e vertical construída con 2.500 opinións que nos axudarán a aprender novos modelos de comportamento, cribar erros e axustar enfoques”, sinala Pedrosa, para quen “a valiosa rede de embaixadores propios que ten a UVigo no mundo permítenos entender mellor a situación e elaborar pedagoxías consecuentes. A universidade, unha vez máis, volve para nos abrir portas onde non as víamos”, asegura.