DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse ao longo deste curso académico na Facultade de Dereito

Oito conferencias para achegarse a temas transversais e de actualidade no eido xurídico

A programación combinará intervencións virtuais e presenciais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 27/10/2021

Un curso académico máis a Facultade de Dereito volverá a acoller a celebración do seu Curso de Actualización Xurídica. A iniciativa, que cumpre a súa cuarta edición, contará con oito conferencias, cada unha delas centrada nunha área diferente do dereito, sobre temas de carácter transversal e de actualidade no eido xurídico. A ciberseguridade, o diñeiro electrónico e a xustiza restaurativa serán algunhas das cuestións que abordarán as e os especialistas convidados a participar nesta iniciativa, que se desenvolverá desde o 29 de outubro ata o 13 de maio de 2022.

Esta actividade púxose en marcha no curso 2017/2018 no marco das accións da Comisión de Calidade do centro como un programa de formación permanente no que cada área da Facultade de Dereito participa un ano ou o seguinte propoñendo un experto ou experta e unha temática que poida ser de interese para persoal docente e investigador das diferentes áreas de coñecemento no eido xurídico. O curso está organizado por Marta Fernández, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e decana da Facultade de Dereito; Susana Álvarez, profesora contratada doutora de Filosofía do Dereito e vicedecana deste centro; e Francisca Fernández Prol, profesora titular de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e coordinadora do Grao en Dereito.

Como en anteriores edicións, os obxectivos desta iniciativa son avanzar na formación multidisciplinar do persoal docente e investigador da Facultade de Dereito e facilitar a súa actualización “en temáticas xurídicas alleas ás especialidades de cada docente, pero, a miúdo, necesarias para a aproximación e análise de cuestións complexas”. Coa súa celebración o centro tamén quere propiciar o intercambio de información relativa a institucións ou réximes xurídicos polémicos, novidosos ou de actualidade e fomentar a conformación de foros de debate e discusión en temáticas de interese xurídico.

Desde o Dereito Penal ao Administrativo

A programación, na que se mesturarán conferencias presenciais celebradas na Facultade de Dereito de Ourense con outras virtuais, arrancará o venres 29 de outubro, cunha  intervención titulada Asuntos actuais do dereito penal, unha mirada crítica desde Sudamérica, que será impartida de xeito telemático por Javier De Luca, catedrático de Dereito Penal da Universidad de Buenos Aires (Arxentina), e organizada pola Área de Dereito Penal. Seguiralle o 12 de novembro unha conferencia, tamén virtual, de Antonio Segura, profesor titular de Dereito Internacional Público da Universidad de Granada, sobre o desafío da ciberseguridade global. Neste caso, a conferencia estará organizada pola Área de Dereito Internacional Público.

Xa en 2022, o curso contará con outras seis conferencias organizadas polas áreas de Dereito do Traballo e da Seguridade Social; Dereito Financeiro e Tributario; Dereito Mercantil; Filosofía de Dereito; Dereito Procesual e Dereito Administrativo. Entre as conferencias previstas de xeito presencial, o 18 de febreiro, Isaac Merino, catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da Universidad del País Vasco, falará sobre a controvertida obrigación de informar á Axencia Tributaria Estatal sobre bens e dereitos situados no estranxeiro; Agustín Madrid, catedrático de Dereito Mercantil da Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, intervirá o 18 de marzo sobre diñeiro electrónico e criptoactivos e Mar Jimeno, catedrática de Dereito Procesual da Universidad de Burgos, ofrecerá unha conferencia sobre xustiza restaurativa e outros modelos de xustiza o día 22 de abril.

O público destinatario destas conferencias é persoal docente e investigador do centro, con docencia no Grao en Dereito, no Plan Conxunto ADE-Dereito e no Mestrado Universitario en Avogacía; persoal docente e investigador da UVigo interesado nos temas a tratar e alumnado e público en xeral. A inscrición, de balde, está aberta ata o 28 de outubro e pode realizarse mediante o envío dun correo electrónico a sdefdo@uvigo.es, indicando nome, apelidos, DNI e colectivo de pertenza (docente, investigador, alumnado ou outros).