DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ábrese o prazo de inscrición na oferta de extensión universitaria do campus

Oito cursos para incluír nos plans deste verán

As actividades están abertas á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 30/05/2022

Para aquelas persoas que desexan incluír entre os seus plans para este verán algún curso, o campus de Ourense ofrece na súa programación de extensión universitaria oito actividades formativas con 285 prazas abertas á inscrición tanto da comunidade universitaria como da cidadanía en xeral. As súas temáticas abranguen desde o cinema e a sostibilidade ambiental ata o turismo rural e o teatro como ferramenta de deconstrución de prexuízos e estereotipos.

Os cursos, organizados pola Vicerreitoría do Campus de Ourense con financiamento da Deputación de Ourense, desenvolveranse nos meses de xuño, xullo e setembro, oscilando as súas prazas entre as 25 e as 50 e o número de horas entre as 30 e as 33. Por cada 30 horas de formación, as persoas matriculadas poden obter un crédito ECTS. Os prezos varían en función do tipo de curso e do tipo de público, abranguendo desde os 8 ata 60 euros. As persoas interesadas poden inscribirse de xeito virtual desde o día 30 de maio a través do Campus Activo da Uvigo.

Da sostibilidade á tecnoloxía inclusiva

A primeira das accións formativas que se desenvolverá leva por título Sostibilidade ambiental: retos e perspectivas. Dirixido desde a Facultade de Ciencias pola profesora e investigadora María Fernández, este curso celébrase, como xa é tradición de edicións anteriores, no Concello de Muíños, do 15 ao 17 de xuño. Nel abordaranse, tomando como referencia a reserva da Biosfera na que se enmarca este concello, aspectos como o cambio climático, a protección da natureza, a economía circular ou os valores ambientais. A programación inclúe a visita a espazos de interese ambiental deste enclave.

Entre as novidades da programación deste ano está un curso sobre teatro como medio de deconstrución de estereotipos e prexuízos, que afondará no se uso desta e de outras artes expresivas de xeito aplicado na educación e intervención socio-comunitaria. A cita celebrarase na Facultade de Educación e Traballo Social do campus do 17 de xuño ao 22 de xullo baixo a dirección da catedrática da Área de Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico da Universidade de Vigo María Lameiras. Ao longo das súas sesións trataranse temas como a facilitación grupal por medio de dinámicas teatrais e os diferentes tipos de teatro en relación coa temática desta actividade, como o teatro oprimido, o espontáneo, o comunitario ou o piscodrama.

Tamén desde  a Facultade de Educación e Traballo Social e tamén como novidade na programación, está a proposta Empregando tecnoloxías dixitais para facer máis inclusiva a educación: proxectos, experiencias e recursos. Neste caso, baixo a dirección da profesora Almudena Alonso, a actividade desenvolverase do 20 de xuño ao 12 de setembro e nela as e os participantes familiarizaranse co uso educativo inclusivo de tecnoloxías como as de deseño e impresión 3D, as de apoio á diversidade, as tecnoloxías libres, os espazos maker, as tiflotecnoloxías, os comunicadores SAAC (comunicación alternativa e/ou aumentativa) e os pictogramas.

Xornadas medio ambientalmente biosaudables. Avaliando a saúde do planeta e os seus moradores é o título de outro dos cursos ofertados. Dirixido polo persoal docente e investigador da Facultade de Ciencias María Dolores Torres, Noelia Flórez e Andrés Moure, celebrarase do 27 de xuño ao 30 de xuño no campus de Ourense. A extracción de bioactivos, os bioactivos en alimentos, os biopolímeros, a biociencia ou a biomedicina serán algúns dos temas sobre os que se traballará nel. A formación incluirá a visita a espazos como o Centro Tecnolóxico do Mar de Vigo, o Centro de Investigacións Biomédicas de Galicia ou a Depuradora de Augas Residuais de Ourense.

Do sector audiovisual ao turístico

Fóra da cidade de Ourense, no Concello de Celanova, volverá a organizarse unha nova edición do xa tradicional Curso de medios audiovisuais, que nesta ocasión levará por título Cinema no bisturí. Deconstruíndo o audiovisual galego actual e será do 28 de xuño ao 1 de xullo. Como en anteriores ocasións, ademais do visionado e análise de obras audiovisuais galegas actuais da man dos seus equipos, o curso, dirixido por Miguel Anxo Fernández, incluirá a celebración dun Taller Audiovisual Celanova, Plató de Ficción. Dirixida polo tamén profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra Paulino Pérez, esta iniciativa permitirá a alumnado de Comunicación Audiovisual da UVigo a produción dunha peza audiovisual.

Xa en xullo, do 11 ao 14, volverá a ofertarse unha nova edición do curso dirixido polo profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Manuel Isorna Da violencia sexual ás drogas facilitadoras do asalto sexual: submisión química vs vulnerabilidade química. Nel afondarase esta temática desde diferentes perspectivas, desde a súa epidemioloxía e factores de risco ata a súa análise criminolóxica ou o tratamento sanitario.

Do 13 ao 16 de xullo será a quenda da actividade Historia, arte e arqueoloxía, ferramentas para o seu coñecemento e difusión social, dirixida pola profesora Carmen Pérez. Alén da Facultade de Historia, a súa programación desenvolverase na Casa da Cultura Nelson Zumel Baltar e no Centro Interpretación Couto Mixto Santiago de Rubiás. Nesta actividade abordaranse desde as novas ferramentas no estudo da represión sobre as mulleres ata a recreación histórica como medio de divulgación, achegándose a temas concretos como a historia do Couto Mixto ou a visibilización e valoración arqueolóxica do Castelo da Piconha e a aldea de Pena.

Por último, en setembro, do 5 ao 13, terá lugar o curso Ourense 2030: desenvolvemento turístico rural, dirixido por Alberto Vaquero e Mª Montserrat Cruz, profesorado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Nesta actividade ofrecerase unha visión do futuro do sector abranguendo desde os seus xeodestinos, museos e paradores  ata o papel do sector público para o desenvolvemento do turismo rural. Non faltarán visitas a enclaves de interese turístico.