DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As e os estudantes de Intento de Argumento impuxéronse na final celebrada este xoves pola tarde

Oito equipos disputaron a VIII Liga de Debate da Universidade de Vigo

A iniciativa retomou a súa actividade despois de non celebrarse o pasado ano debido á pandemia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 17/12/2021

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolle este xoves pola tarde a final da VIII Liga de Debate da Universidade de Vigo, coordinada polo catedrático de Filosofía do Dereito Pablo Raúl Bonorino. Les Taciturnes e Intento de Argumento foron os dous equipos que conseguiron impoñerse nas diferentes fases da liga, que arrancou en novembro con oito equipos de diferentes cursos do Grao en Dereito, e chegar a esta final. O equipo gañador foi Intento de Argumento, formado por alumnado de cuarto curso.

Facendo balance da liga, o seu responsable sinala a súa satisfacción, a da Facultade de Dereito e a do propio alumnado por poder retomar esta actividade despois de que o ano pasado non puidese celebrarse debido á pandemia. “O balance que facemos desta edición é moi positivo”, comenta Pablo Raúl Bonorino. No aspecto cualitativo destaca a participación de oito equipos e no cualitativo o feito de que “foi unha liga moi homoxénea e igualada, houbo moi bo nivel en xeral”. Neste senso o catedrático recalca como “os rapaces e rapazas adaptáronse moi ben, lograron levar adiante as súas argumentacións, algo que non é fácil en circunstancias normais e menos levando unha máscara, que supón unha dificultade engadida para expresarse en público”. A pesar de todas as dificultades, subliña o responsable da iniciativa, as e os participantes nesta edición “fixérono moi ben”. Na final, os equipos debateron sobre se se debe abolir a prostitución, seguindo a tradicional liña da liga de debate de propor temáticas que se caracterizan pola súa actualidade ou controversia nas posturas a favor e en contra.

Participar nunha actividade de debate coma esta liga, lembrra Pablo Raúl Bonorino, permítelle ao alumnado “formarse nunha actividade que se non a practicas non a podes mellorar”. Para debater, indicou, “necesitas unha contorna complexa”, con público, alguén con quen facelo, presión... Con esta liga de debate, o catedrático da UVigo explica que se pretende “construír ese contexto para que as e os estudantes poidan exercitarse nunha contorna segura e didáctica, antes de saír a facelo na súa vida profesional”. Así, a iniciativa trata de fomentar entre o alumnado a capacidade de diálogo, de argumentación e de debate co obxectivo último de mellorar a súa formación xa que, apunta o seu director, “ser capaz de argumentar en defensa das túas opinións en público é fundamental, sobre todo para calquera xurista, pois é a principal ferramenta para o exercicio da súa profesión”. Ademais, as habilidades de falar en público e argumentar son necesarias para todo de actividades profesionais como a participación en congresos, actos, etc.